Non houbo sorpresas no derradeiro pleno do actual mandato na Casa do Concello de Bertamiráns. A proposta de creación dunha empresa pública que xestione o ciclo da auga saíu adiante co apoio dos grupos de goberno e de Luísa Feijoo, concelleira non adscrita, así como de Quique Costas, de Ames Novo. O PP e José Ramón Oulego, que forma parte da candidatura popular para o 28 de maio e resultiu no seu momento escollido edil por Ciudadanos, abstivéronse.
Con esta luz verde, constituirase a entidade pública empresarial Augas de Ames EPEL, que xestionará de xeito directo o servizo do ciclo integral da auga. Tamén se aprobaron en pleno os estatutos da entidade e a subrogación do persoal que procede da actual concesionaria Espina y Delfín. Son dezaseis postos de traballo. Xa no pleno de abril fora aprobado o modelo do sistema de xestión do Ciclo Integral da Auga.
Outro dos asuntos levados a pleno si provocou a unanimidade de todos os grupos políticos: a a aprobación da modificación da Ordenanza reguladora do servizo de taxis, que levaba sen cambios dende 2014. A modificación responde á petición de 11 dos 15 taxistas do concello, que solicitaran o incremento das tarifas en concordancia co incremento nos custos de explotación da actividade. A modificación é do 3,08% sobre as tarifas vixentes, redondeando o resultado en 0,5 céntimos para adaptalo aos taxímetros, e incorporando tamén novos suplementos.
Vinte e un días para o pagamento a provedores
Durante o pleno, a concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, deu conta do decreto de aprobación da liquidación 2022. Destacou que os gastos, de 30.668.000 euros, reflicten “unha porcentaxe de execución de gasto corrente dun 95,35%”. “Creo que é moi boa nova para o Concello falar deste alto porcentaxe de execución orzamentaria”, aseverou. Por outra banda, e sobre a información do primeiro trimestre de 2023, salienta que o período medio de pago a provedores está en 21,82 días, fronte ao máximo legal de 30.
Despedidas
Este final de mandato supón a despedida de edís que non se volven presentar ás eleccións neste 2023. É o caso do concelleiro do PP Emilio Martínez Carballeira, Quique Costas de Ames Novo, o socialista Manuel Lens e Genma Otero (Podemos). “Todas e todos eles cumpriron co seu labor nun mandato moi difícil e complicado, pero que conxuntamente fomos capaces de sacar adiante moitos proxectos e investimentos entre todos os partidos políticos”, salientou o alcalde, Blas García, antes de desexarlles “a todas e a todos moita sorte na súa vida persoal”.