Ames, pechado en solitario e toque de queda ás 22h

487

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, compareceu esta mañá para dar conta das últimas decisións do Goberno galego no combate contra a pandemia de COVID-19. Feijoo sinalou que toda Galicia sobe con carácter xeral a nivel medio-alto de restricións, agás os concellos que soben ou se manteñen en nivel alto. En toda a comunidade queda adiantado unha hora o toque de queda, que será ás 22h, e todos os peches perimetrais pasan a ser individuais, sen posibilidade de saír dos concellos confinados para ir a outros limítrofes que tamén o estean. Desaparecen, xa que logo, as “améndoas”. As medidas entran en vigor na media noite do xoves 14 ao venres 15.

No caso de Ames, isto significa que se manterá illado dos concellos limítrofes. Non se poderá entrar ou saír agás causa maior, como motivos laborais ou médicos. 
A hostalería abrirá ata as 18h con servizo só en exteriores, sempre ao 50% de aforo máximo.

Con carácter xeral, en toda Galicia rexen unha serie de medidas en ámbitos como o deportivo, hospitalario ou comercial. Nos hospitais non poderá haber máis dunha persoa nas visitas a cada paciente. En cinemas, teatros e auditorios, o aforo máximo será de 250 en interiores e 500 ao aire libre, sempre sentados. As actividades deportivas xuntarán como máximo a 4 persoas e en aforo ao 50%.

A Xunta pide que non se produzan reunións en domicilios logo das 18h. O presidente, Núñez Feijoo, sinalou que son conscientes de que o ámbito familiar produce máis contaxios que as xuntanzas na hostalería e pide que nas casas só estea a unidade familiar.

O comercio deberá ter a capacidade ao 50% e non pechar logo das 21:30. Os centros comerciais pecharán as áreas comuns para que non se produzan reunións nin conversas entre clientes.

A Xunta recomenda encarecidamente manter a actividade esencial: sanitaria, educativa, laboral, compra de alimentos ou coidados. Feijoo prometeu apoiar ao sector hostaleiro. No día de hoxe Galicia aproxímase aos 9.500 contaxios activos. A terceira onda bate con forza, se ben a hospitalización segue por baixo do pico da segunda onda. Feijoo aclarou que a situación hoxe e mellor que a de novembro cando se adoptaron novas medidas, pero cunha progresión máis preocupante.