Ames pon en marcha o servizo de mantemento das áreas de xogo infantís e de elementos biosaudables

123

O Concello de Ames puxo en marcha no mes de outubro un servizo de conservación, mantemento, reparación e xestión da seguridade das áreas de xogo infantís e biosaudables do concello. O obxectivo é levar a cabo os labores de mantemento de 51 parques: 11 áreas infantís nos centros educativos, e 31 parques infantís e 9 de elementos biosaudables en terreos municipais.

A empresa Jardineria Arce SL asinou o contrato co Concello a mediados de setembro por case 195.000 €. Terá unha duración de dous anos prorrogables anualmente ata un máximo de catro.

Esta semana o alcalde de Ames e concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Blas García, mantivo unha xuntanza con persoal da empresa adxudicataria para avaliar os traballos durante as primeiras semanas do servizo. O rexedor municipal explica que “o noso concello ten un elevado número de parques infantís, que necesitan atención constante e continuada para preservar a seguridade dos e das máis pequenas, por iso decidimos facer esta aposta para que o mantemento e o control sexa eficiente”.