Ames prepara unha campaña solidaria con La Palma

215

O Concello traballa na organización dunha campaña conxunta con Protección Civil e a Xuntanza de Empresarios de Ames para levar á illa de La Palma material para Protección Civil e produtos de hixiene básica. Así llelo prometeu hoxe o alcalde, Blas García, ao grupo de 60 peregrinos procedentes desta illa canaria que están a realizar o Camiño Portugués desde Vigo. Algúns dos peregrinos e peregrinas canarios que onte facían a súa última parada no camiño antes de chegar a Compostela teñen familiares damnificados. Así llelo relataron ao alcalde á concelleira de Promoción Económica, Ana Paz. Estes, ademais de palabras de alento, faláronlles da campaña que o concello está organizando para axudar, na medida do posible, a ir paliando os efectos da catástrofe.

O obxectivo principal da campaña será conseguir doazóns para axudar ao voluntariado da Agrupación de Protección Civil da Palma enviando material de protección e á veciñanza afectada en xeral coa recollida de produtos de hixiene básicos. No encontro, Blas García, en nome de todo o Concello trasladoulle “que contan con todo o noso apoio nun momento tan delicado coma este, e asegurou que intentaremos o máis axiña posible coordinar a campaña anunciada para achegar así o noso grao de area para axudar na recuperación da illa despois da erupción do volcán Cumbre Vieja”.