Ames prepara unha terrorífica fin de semana de Samaín

121

O Samaín veu a Ames para quedar, como se deduce do grande número de actividades impulsadas para celebrar esta tradición recuperada por parte de asociacións veciñais, ANPAs dos colexios, ou as bibliotecas municipais -a través de Cultura e Normalización Lingüística do Concello-. Entre o 28 de outubro e o 4 de novembro, Ames prepárase para vivir moitos arrepíos.

A Casa de Cultura do Milladoiro exporá no primeiro andar, e ata o luns, as cabazas de Samaín elaboradas polo alumnado do CEP de Ventín. A ANPA do Centro, As Brañas, organiza o sábado dous obradoiros abertos para nenas e nenos. Será a partir das 17:30h na Casa de Cultura do Milladoiro. Nun deles elaboraranse personaxes de terror (lobishomes, vampiros, meigas, morcegos, cabazas ou monstros) con materiais de refugallo. Posteriormente, haberá un pintacaras terrorífico a xogo cos disfraces dos asistentes. Ambas actividades están dirixidas a toda a familia. A inscrición faise na web da ANPA.

Pola súa banda, as bibliotecas municipais acollen ata o luns unha exposición de libros de medo. Quen se achegue durante estas xornadas levará unha sorpresa co seu préstamo. Ademais, os alumnos da Escola Municipal de Música de Ames (EMMA) van a clases estes días disfrazados e realizan divertidos vídeos con temática de Samaín.

O medo envolve ata o programa Apego. O venres 4 ás 19h o dúo Rilo&Penadique, dedicado á narración oral e á música, protagonizará unha terrorífica sesión de contacontos baseada nos contos tradicionais.

Magosto terrorífico en Bugallido
A Asociación de Veciños de San Pedro de Bugallido, en colaboración co Concello de Ames, ofrece mañá, 29 de outubro, unha xornada lúdica no seu local social. Entre as 17h e as 19h haberá obradoiros e servirase merenda para os cativos, aos que se anima a levar o seu propio disfraz.

A partir das 19hs, para celebrar o magosto, sucederanse as actuacións dos grupos de música tradicional Pandereteiras da Costaneira, Os Retranqueiros e Enxebres de Cacheiras. Posteriormente haberá música e baile da man do DJ Pablo Ríos. A actividade é aberta ao público, e haberá castañas e cantina e carpa.