Ames prepárase para o Día de Rosalía con teatro e actividades para todos os públicos

280

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames, en colaboración cos equipos de Dinamización da Lingua Galega dos centros educativos de infantil e primaria do Concello e cos departamentos de Cultura e Mocidade, elaborou unha programación específica para conmemorar o mes de Rosalía, por mor do aniversario da célebre autora o 23 de febreiro. Esta programación comeza este martes, 15 de febreiro, coa iniciativa Rosalízate. Colocáronse dous photocall, na praza da Maía de Bertamiráns e na Travesía do Porto do Milladoiro, para que calquera persoa que o desexe poida facer unha fotografía e subila ás redes sociais acompañada de versos rosalianos co cancelo #rosalízate. Ademais, programáronse dúas obras de teatro: Rosalía, o lugar onde nacen as poetas (para o público infantil) e Libre coma os paxaros (para o público adulto). Logo, o artista Yoseba Muruzábal está elaborando o mural As Rosalías, na Casa da Cultura do Milladoiro, que será inaugurado o 23 de febreiro. Finalmente, haberá dous obradoiros nas bibliotecas amesás para rapazada de 3º a 6º de primaria.

A partir de hoxe están colocadas dúas estruturas a modo de photocall na praza da Maía de Bertamiráns e na Travesía do Porto do Milladoiro. A idea é que calquera persoa poida facer unha fotografía e subila ás redes sociais acompañada de versos rosalianos co cancelo #rosalízate. Nesas estruturas aparece a imaxe de Rosalía acompañada de palabras simbólicas que poden definir a súa obra e o seu pensamento (lingua, alegría, rebeldía, xustiza, empatía, feminismo, valentía, arte, terra, identidade, compromiso…). Nos photocall colocaranse varias caretas para que quen queira poida rosalizarse tapando o seu rostro ou parte del (a idea é que saia a cara de Rosalía co corpo das persoas fotografadas). As caretas tamén se poden descargar premendo nesta ligazón e ao pé desta nova.

Aos centros educativos de infantil e primaria enviáronse varios modelos de máscaras en formato PDF para que poidan imprimilas e/ou retocalas. Así cada neno ou nena pode elaborar a súa propia cara de Rosalía. O alumnado pode levará para a casa a súa máscara co obxectivo de que, posteriormente, vaia coa familia fotografarse no photocall. Cada familia decidirá se continúa a actividade subindo ás redes as imaxes acompañadas de versos rosalianos ou non. Os centros educativos tamén poden subir esas imaxes acompañada de versos ás propias webs.

A concelleira de Normalización Lingüística, Escarlata Pampín, destaca que “a programación sobre a figura de Rosalía de Castro ten como obxectivo difundir a obra e pensamento rosaliano como xeito de recuperar o orgullo de quen somos e o recoñecemento da nosa lingua como expresión xenuína das galegas e galegos. Asemade, pretende resaltar e pór en valor o vínculo do Concello de Ames coa figura rosaliana e promover o achegamento da veciñanza á obra e á figura da autora”. Por outra banda, Escarlata Pampín, explica que “debido á pandemia da Covid-19 decidiuse non desenvolver a Gala de Rosalía na que participaban todos os centros educativos. Nesta situación vólvense propoñer actividades que minimicen os riscos de contaxio e que se poidan desenvolver coas máximas garantías sanitarias”.

Con respecto ás obras de teatro, durante o mes de febreiro haberá dúas funcións vinculadas á figura de Rosalía, unha para público infantil que chega da man da Rede de Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia e outra para público adulto programada polo departamento municipal de Cultura. A primeira proposta representarase este xoves, 17 de febreiro, ás 18.00 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns. Rosalía, o lugar onde nacen as poetas é unha aproximación á vida e a obra da maior figura da literatura galega. A proposta busca contarlle á cativada que a infancia é o lugar onde medran os poetas e as poetisas. Os convites poden retirarse xa na Billeteira electrónica do Concello de Ames. Trátase dunha función teatral desenvolvida por un equipo de mulleres intensamente vinculadas ao teatro e pensada para achegar a figura rosaliana aos nenos e nenas de primaria e ás súas familias e docentes. Rosalía está dirixida por Fina Calleja (responsable das montaxes infantís e xuvenís de Sarabela Teatro) e interpretada por Rocío González e Cristina Collazo, dúas actrices imprescindibles no panorama teatral e audiovisual de Galicia.

A segunda peza teatral incluída en dita programación é Libre coma os paxaros da compañía Teatro do Atlántico. Representarase o venres, 18 de febreiro, ás 20.30 horas, tamén na Casa da Cultura de Bertamiráns. Ao igual que no caso anterior as entradas para asistir a esta función que programa o departamento de Cultura xa poden retirarse na Billeteira electrónica. Nesta obra María Barcala representa a unha muller escritora, comprometida coa cultura do seu pobo, unha muller que visibiliza e denuncia a situación das mulleres, a emigración masiva, a fame e a miseria. Esa muller é María Rosalía Rita de Castro.

Tamén, este ano terá continuidade a intervención de arte urbana As Rosalías, para poñer en valor a figura de Rosalía e os valores que representa de xeito permanente no noso concello. En 2021 a intervención realizouse nas paredes da Casa de Barbazán, situada na avenida da Peregrina de Bertamiráns. En 2022 o mesmo artista, Yoseba Muruzábal, está realizando unha intervención cos mesmo obxectivos nun dos muros exteriores da Casa da Cultura do Milladoiro. O mural inaugurarase o propio día de Rosalía, o 23 de febreiro de 2022.

Finalmente, hoxe tamén abren as inscricións para participar nun obradoiro de pintado de camisetas co gallo da celebración do Día de Rosalía. Os nenos e nenas máis maiores de primaria decorarán as prendas con algúns dos versos da escritora, cos que traballarán ao longo da xornada, e pintarán unha ilustración co seu retrato. Os talleres terán lugar o venres 25 no Milladoiro e o sábado 26 en Bertamiráns, ás 17:30 horas e ás 11:30 horas respectivamente. O departamento de Bibliotecas amesán retoma as actividades para as nenas e nenos de 3º a 6º de primaria, unha vez que xa volveron tamén as actividades para crianzas dos 3 aos 8 anos. Nesta ocasión, a rapazada poderá gozar dun obradoiro no que se traballará coa obra de Rosalía de Castro a través da impresión de camisetas.