Ames prepárase para un San Xoán de case 230 cacharelas

193

As celebracións de San Xoán achéganse a Ames con 229 cacharelas previstas polo Concello, que concedeu idéntico número de autorizacións. Un total de 209 delas serán en parcelas privadas da zona rural, e outras 20 en espazos públicos.

O concelleiro de Urbanismo, Administración Xeral e Mobilidade, Víctor Fernández, destaca que “o san Xoán é unha festa con grande arraigo no concello”. Apelou á responsabilidade da veciñanza “para cumprir as normas que se recollen no bando municipal aprobado ao respecto e tratar de desfrutar do San Xoán, pero sempre con prudencia e seguridade”.

Entre as normas que deben cumprir as cacharelas está que na zona urbana non superen os dous metros de diámetro nin seis de perímetro e dous de altura. No rural poderá chegar aos tres metros de diámetro, nove de perímetro e tres de altura. Ademais debe gardar sempre unha distancia mínima de 12 metros con edificios e árbores, agás no casco urbano. Está prohibido queimar plásticos, pneumáticos, aceites e substancias que poidan desprender fumes tóxicos.