O Concello de Ames, xunto coa Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL), presentou o 6 de febreiro de 2025, o informe sobre os datos de consumo nas oficinas municipais nesta materia no pasado ano. Deste xeito, as oficinas da UCGAL situadas nas localidades de Bertamiráns e do Milladoiro recibiron ao longo de todo 2024 un total de 425 consultas, producíndose a maior parte no primeiro semestre do ano e no sector financeiro. A oficina da UCGAL do Milladoiro, localizada na Rúa Viorneira, ofrece atención os martes en horario de 10.00 a 14.00 e de 16.30 a 20.30, mentres que a de Bertamiráns, situada no Pazo da Peregrina, está aberta os xoves, co mesmo horario de atención. O teléfono para poñerse en contacto coas oficinas da UCGAL no noso concello é o 662 130 312.
O Concello de Ames, en colaboración coa Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL), presentou na mañá de hoxe, no Salón de Plenos, os datos das oficinas de asesoramento da UCGAL no noso concello. Deste xeito, as oficinas da UCGAL situadas, unha no Milladoiro e outra en Bertamiráns, recibiron ao longo deste pasado 2024 un total de 425 consultas, producíndose a maior parte delas no primeiro semestre do ano.
Ao acto acudiron o alcalde de Ames, Blas García; a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz; o secretario xeral da UCGAL, Miguel López Crespo, e o responsable dos puntos de información da UCGAL en Ames, Félix Caramés Blanco. A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, destacou que “estes puntos de información son moi necesarios en Ames, é algo que levamos facendo dende o 2016 e é un servizo que todos os concellos deberían de ter xa que é moi necesario para a veciñanza, sobre todo para aqueles aos que lles resulte máis difícil entender certas cuestións”.
Na mesma liña, o secretario xeral da UCGAL, Miguel López, subliñou que “un dos principais obxectivos que se perseguiu dende o primeiro momento con este convenio é darlle resposta ao un conxunto importante de persoas consumidoras que precisan unha atención máis personalizada e unha información que exceda o que adoitan a ofrecer as empresas”.
Pola súa banda, o responsable dos puntos de información da UCGAL no Concello de Ames, Félix Caramés, explicou os temas máis consultados en ambas oficinas, “as principais consultas foron relacionadas co sector financeiro, electricidade e telefonía. Con todo, cómpre destacar a subida no número de consultas e dúbidas con respecto ao tema dos alugueiros”.
O alcalde de Ames, Blas García, destacou que “este servizo maioritariamente faise de forma presencial. É fundamental que calquera consumidor, de dentro e de fóra do noso concello, poida dirixirse a unha das nosas oficinas e realizar esas consultas de forma presencial, xa que é moito máis doada a comunicación e facilita a documentación”.












