Ames presume de turismo de calidade

238

Catro empresas turísticas de Ames veñen de ser recoñecidas coa certificación Sicted de calidade turística. O establecemento de turismo rural “As Bentinas” de Ventín, o Albergue de Peregrinos de Milladoiro, a empresa de turismo de aventuras “Amextreme” e a axencia de viaxes “Alma Gaia”, dedicada ao turismo de sensacións, foron as agraciadas con este recoñecemento en forma de selo do Sistema Integral de Calidad Turística en Destino (Sicted). O selo é outorgado anualmente pola Secretaría de Estado de Turismo co apoio da Federación Española de Municipios y Provincias (FEMP). A distinción recoñece a calidade dos servizos turísticos ofrecidos por estas empresas.

Foron en total 19 empresas e profesionais da bisbarra de Compostela que recolleron a semana pasada os diplomas dos programas de formación que se desenvolveron en 2019 e 2020. Ao acto de entrega de acreditacións acudiron a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, o subdirector de Agader, Moisés Blanco, o presidente do Clúster de Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal e a presidenta do GDR Terras de Compostela, Guarina Rey.

Para o concelleiro de Turismo, Manuel Lens, este recoñecemento “premia o traballo, o esforzo e a dedicación destas catro empresas. Porén, tamén supón un agasallo para Ames que, deste xeito suma calidade á oferta turística do concello”. O concelleiro, que acudiu á entrega dos distintivos, en Santiago de Compostela, felicitou aos establecementos distinguidos, ao tempo que desexou que en vindeiras edicións máis empresas de Ames poidan acadar o selo Sicted.