Ames programa ata seis obras de teatro no que queda de ano

324

O cultura non abandonará Ames, aínda adaptada ás normas e medidas hixiénico – sanitarias marcadas polas autoridades sanitarias.  Durante o segundo semestre de 2020 representaranse nos auditorios das Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro, ata seis espectáculos de teatro, tanto para público infantil como adulto. 

A concelleira de Cultura, Natividade González, destaca que “por fin podemos efectuar o compromiso de reprogramar todos aqueles espectáculos que por mor da Covid-19 non se puideron levar a cabo antes. Esta obra forma parte das previstas para a programación teatral do primeiro semestre do ano. Coa prudencia que corresponde, quero convidar aos veciños e veciñas de Ames a que se animen a participar nos diferentes espectáculos municipais, xa que estamos a poñer todas as medidas necesarias para garantir a máxima seguridade”.

Dita programación comeza este venres, 18 de setembro, da man de Producións Teatrais Excéntricas, que representará na Casa da Cultura de Bertamiráns, o espectáculo Medida x Medida de Shakespeare. Trátase dunha comedia de 110 minutos de duración, que acontece nunha Viena surrealista inventada por Shakespeare. O mandatario Duque Vincenzo pasa á clandestinidade e manda aplicar con todo rigor a lei contra os comportamentos inmorais. Ao ser a primeira representación do segundo semestre de 2020, a entrada para ver este espectáculo será gratuíta. Os convites xa se poden reservar na Billeteira electrónica.

A seguinte obra de teatro que inclúe dita programación representarase o 16 de outubro, ás 21.00 horas. Neste caso, Talía Teatro representará Vida de Cans. É unha comedia absurda, paródica e metafórica que ten unha duración de 75 minutos. Esta peza teatral representarase no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro.

No mes de novembro a compañía Inversa Teatro representará no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns a obra Sofía e as Postsocráticas. Será o 20 de novembro, ás 21.00 horas. Trátase dunha peza de teatro contemporáneo, de 60 minutos de duración, quer trata sobre a violencia machista, afondando nas causas da estrutura do maltrato.

Para o 23 de decembro, ás 21,00 horas, no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro, queda a obra EntreSoños, de Fran Sieira – Compañía de danza. É unha obra de baile e música tradicional galega, que conta cun elenco artístico de 3 bailadores/cantadores: Fran Sieira, Aida Tarrío e Xisco Feijóo, ao son da música do compositor e músico multidisciplinar Anxo Pintos.

Programación infantil
Por outra banda, programáronse dúas obras de teatro para público infantil. A primeira será Lambetadas, de Talía Teatro, que se representará o venres, 16 de outubro, no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns. Este espectáculo, que está dirixido a nenos e nenas de 6 a 11 anos, será gratuíto. Para asistir será necesario retirar os convites na Billeteira electrónica. Faranse dous pases, un ás 17.00 e outro ás 18.30 horas. Trátase dun espectáculo destinado a público infantil para a transmisión da cultura galega.

O segundo espectáculo infantil representarase o 22 de decembro, ás 18.00 horas, no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro. Neste caso a compañía Galitoon representa The Show Moscón, un espectáculo de novo circo. Trátase dun marabilloso circo, ambulante de variedades representado por un armario que abre as súas portas para mostrar os diferentes números que se atopan no interior.

Aforo reducido por mor da Covid-19
Por mor da Covid-19 o aforo será limitado para poder manter a distancia de seguridade entre os espectadores. Ademais, adoptáranse as medidas hixiénico – sanitarias marcadas polas autoridades sanitarias. Deste xeito, no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns haberá un aforo de 75 butacas, mentres que no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro o aforo será de 55 persoas.