Ames prorrogará ata 2024 o contrato do ciclo integral da auga

141

O Pleno ordinario do mes de decembro de Ames aprobou unha prórroga de 16 meses do contrato coa concesionaria Espina & Delfín do ciclo integral da auga, que se estenderá ata o 30 de abril do 2024. Votaron a prol os concelleiros do goberno, e en contra toda a oposición (Ciudadanos, Ames Novo e Partido Popular).

O alcalde, Blas García, explicou que o feito de que non rematasen as xestións para crear unha empresa municipal explica esta nova prórroga. Pola súa banda, José Ramón Oulego, de Ciudadanos, anunciou o voto en contra porque as prórrogas acumuladas chegaban aos 28 meses, “suficientemente longa como para sacar este servizo a licitación”. O concelleiro de Ames Novo, Quique Costas, acusou ao goberno de caracer de interesa na municipalización do servizo malia vir recollida no acordo de goberno de 2015. O popular Javier Olmo, pola súa banda, acusou ao Goberno local de ter sido “incapaz de xestionar de forma directa este servizo”. Dende o PP entenden que se debería pór sobre a mesa a licitación do servizo. .

Na súa quenda de réplica, o alcalde defendeu a xestión feita polo Goberno municipal, asegurando que se leva “traballando varios anos no ciclo integral da auga”.

Outro dos temas tratados foi a ratificación do decreto de Alcaldía sobre a ampliación da prórroga do convenio do servizo de atención temperá entre Teo e Ames. Este punto foi aprobado por unanimidade de toda a Corporación municipal.
Por último, aprobouse por unanimidade e de forma definitiva a modificación do regulamento de funcionamento do mercado de venda ambulante. Entre outros puntos, regúlase o horario do mercado ambulante tradicional que se realizará os sábados de cada semana, pola tarde, durante todo o ano, así como a creación dun novo mercado de produtos de horta e artesanía, que tamén se desenvolverá todos os sábados do ano pola mañá na praza da Maía, en Bertamiráns. Tamén se contempla o incremento de postos no mercado ambulante tradicional.