Ames Radio prepárase para recibir novos programas radiofónicos en outubro

Os técnicos da emisora avaliarán agora as propostas que despois examinará o Consello Asesor da Radio. Está previsto que os novos programas comecen a emitirse no mes de outubro.

639

Está previsto que os novos programas comecen a gravarse a finais do mes de setembro e que se comecen a emitir no mes de outubro

O Concello de Ames, a través da concellaría de Comunicación, vén de dar a oportunidade á veciñanza de presentar os seus propios proxectos de programas de radio, para realizar en Ames Radio entre outubro e decembros deste ano. O prazao de presentación rematou o pasado 14 de xullo. Presentáronse trece propostas, algunhas elaboradas por distintos colectivos e asociacións e outras firmadas por cidadáns particulares.

A relación dos proxectos presentados será exposta nos taboleiros oficiais do Concello e pode consultarse xa nesta web. Posteriormente, será o persoal técnico da emisora quen emitirá un informe de avaliación para o Consello Asesor da Radio, acerca de todos os proxectos recibidos.

Radio de Ames será a encargada de facilitar o espazo físico, o equipamento e o persoal técnico necesario para a gravación dos programas. Malia que a emisión dos mesmos farase en función da grella de programación que aprobe a Comisión Asesora de Comunicación do Concello de Ames, procurarase respectar as propostas de emisión dos proxectos seleccionados.

O obxectivo principal desta convocatoria é achegar a radio á veciñanza, de maneira que calquera persoa, asociación ou entidade do concello poida facer un programa de radio do seu interese. Radio de Ames acreditará a participación de todas as persoas colaboradoras mediante un diploma.

Unha vez que o Consello Asesor da Radio ditamine a viabilidade dos proxectos, o persoal da radio Municipal orientará técnicamente aos colaboradores sobre o modo de presentar e realizar as propostas. Está previsto que os novos programas comecen a gravarse a finais do mes de setembro e que se comecen a emitir no mes de outubro.