Ames recibirá aos Reis Magos o 4 e o 5 de xaneiro

267

As Súas Maxestades Melchor, Gaspar e Baltasar anunciaron ao Concello de Ames que visitarán as vilas do Milladoiro e Bertamiráns o martes 4 e o mércores 5 de xaneiro. Co fin de que poidan recibir a todas as nenas, nenos e maiores que se queiran achegar a velos respectando as medidas sanitarias, o Concello habilitará os pavillóns polideportivos de ambos núcleos. Para acceder, cada unidade familiar debe solicitar cita previa na sede electrónica do Concello. A rapazada que non poida asistir ás Recepcións Reais por mor dun confinamento por coronavirus poderá solicitar que os Reis lles envíen un pequeno agasallo aos seus domicilios, deixando os seus datos persoais no enderezo electrónico promocioneconomica@concellodeames.gal. Preferiblemente, ata o venres 31 de decembro de 2021, para que así os regalos poidan chegar a tempo para a noite de Reis.

Cada cita que se solicite servirá para unha unidade familiar completa, que poderá asistir en conxunto á recepción dos Reis, respectando desta maneira ás burbullas familiares e facilitando o respecto da distancia de seguridade entre grupos de convivencia. Como na edición anterior, tamén marcada pola situación epidemiolóxica, as rapazas e rapaces poderán fotografarse coas Súas Maxestades, falarlles ou mesmo entregarlles cartas e debuxos, mais sempre respectando esta distancia interpersoal de metro e medio. A través do proceso de solicitude de cita, cada familia debe seleccionar unha das dúas opcións ofertadas, “Reis Magos Bertamiráns” ou “Reis Magos O Milladoiro”. A continuación, deben marcar no calendario da dereita o día desexado, ben o martes 4 ou o mércores 5, para despois premer “Ver dispoñibilidade”. Aparecerán catro opcións, que deberán despregarse para consultar ocos libres nos diferentes horarios ofertados.

Os horarios das Recepcións Reais nos pavillóns do Milladoiro e Bertamiráns serán, polas mañás, de 11:30 a 14:00 horas, e polas tardes, de 16:30 a 20:00 horas, o martes 4 e o mércores 5 de xaneiro. O Concello pide a colaboración da veciñanza á hora de cumprir cos tempos de visita e coas medidas de seguridade, en especial a distancia interpersoal. As empresas amesás de ocio infantil Biosbardos e Retumban Risas serán as encargadas de xestionar os eventos, deseñar os escenarios e vestiarios e contratar ao persoal necesario para que a recepción aos Reis se desenvolva de maneira segura. Xa durante os días das visitas, as dúas empresas dedicaranse á xestión da Recepción Real das súas propias localidades.

A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, quixo agradecer o esforzo destes negocios para que estas Recepcións Reais saian adiante. “Espero que tanto a decoración como a xestión do evento sexa do agrado de nenos, nenas e adultos, xa que son dúas empresas de Ames as que se encargan da súa organización e estano facendo con moita ilusión. Dende a Concellaría de Promoción Económica volvemos a poñer en valor o tecido empresarial amesá, neste caso axudando ás empresas de ocio, que tanto o necesitan neste momento. Ademais, quero agradecer ao persoal de Promoción Económica todo o traballo que están a realizar, en especial de cara a este último período do ano”.