Ames reclamou a igualdade real no 8-M

212

O Concello de Ames conmemorou este mércores, 8 de marzo, o Día Internacional da Muller cun acto institucional na praza do Concello, en Bertamiráns. Foi breve pero moi animado e con moita música, dando comezo arredor das 17:45. O acto arrincou co reparto do material promocional do 8M e coa lectura dun manifesto institucional polo alcalde, Blas García; a concelleira de Igualdade, Luísa Feijóo; a concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero; a concelleira de Mocidade e Normalización Lingüística, Escarlata Pampín; a voceira do grupo municipal popular, Oliva Agra; o concelleiro de Ames Novo, Quique Costas, e mailo concelleiro de Ciudadanos, José Ramón Oulego.

A segunda parte do acto foi reivindicativa. Pilar Candocia, integrante da Plataforma feminista de Ames dixo que “hoxe é un día para celebrar e estar todas unidas”. Tamén lembrou a figura de moitas mulleres que ao longo da historia loitaron polos dereitos das mulleres como Rosalía de Castro, Clara Campoamor, Concepción Arenal…

O alumnado da Escola de Música de Ames interpretou o tema Ay Mamá de Rigoberta Bandini e as integrantes da Plataforma feminista de Ames interpretaron un tema propio creado por elas mesmas chamado Mulleres.

Tamén se instalou un photocall para que todas e todos puideran facer unha foto con motivo do 8M. A persoas asistentes ao acto dispuxeron de diversos “bocadillos” co símbolo feminista e con diversas frases que pretenden contradicir algúns dos mitos máis comúns do amor romántico. Quen quixo puido empregar ditos “bocadillos” a modo de photocall para fotografarse.

A concelleira de Igualdade, Luísa Feijóo, destacou “a boa acollida, unha vez máis, por parte da veciñanza amesá aos actos de conmemoración do 8M” e engadiu “hai que destacar a unidade fronte a cuestións tan importantes como é a loita pola igualdade e sobre todo agradecer, neste caso a Plataforma Feminista, como forza viva do concello o ir da man na nosa loita pola igualdade e a loita contra as violencias axudando, apoiando e enriquecendo todos os actos e actividades”.

Actividades polo Día Internacional da Muller
As actividades polo 8M continuarán ao longo das vindeiras semanas. O venres, 17 de marzo, ás 17:30 horas, terá lugar a unha nova edición da carreira de obstáculos “Moitos camiños, mesma meta”, que pretende reivindicar os atrancos aos que se enfrontan as mulleres no seu día a día. Ademais, xa se están a desenvolver diversos obradoiros e charlas de autocoidado feminino impartidos por expertos en regulación emocional e hábitos saudables. Terán lugar os mércores e xoves do mes de marzo, na Casa dos Maiores de Bertamiráns e na Casa da Cultura do Milladoiro.

Así mesmo, o venres 17 de marzo o auditorio da Casa do Milladoiro acollerá a representación da obra de teatro “A señora de Forcadela”, ás 20:30 horas. Nela nárrase a vida da mestra Josefina García Segret, retida na prisión de Tui durante a Guerra Civil, así como doutras mulleres que foron aprisionadas na mesma época. O itinerario do 8M rematará coa exposición fotográfica “Sinaladas”, ofrecida pola Deputación da Coruña e organizada en colaboración co departamento de Cultura, que se poderá visitar no Milladoiro dende o 27 de marzo ao 21 de abril, e que xirará arredor da loita das mulleres no século XX: cen anos de conquistas e represión.