Ames reforzará a cooperación en materia tributaria con outras administracións

83

O pleno de Ames sacou onte adiante todos os temas que se traían a debate. A corporación local aprobou de modo unánime a adhesión ao convenio da Axencia Estatal de Administración Tributaria, a constitución do Consello Sectorial da Persoas Maiores e a aprobación inicial do Regulamento do Consello Sectorial de Educación. O PP abstívose na votación para a aprobación do Código ético e de Bo Goberno do Concello de Ames, e votou en contra do Servizo de Limpeza Integral nas instalacións municipais, alegando que viña con erros no prego de contratación ao non recoller nun dos seus lotes a limpeza diaria dos aseos nos centros de educación infantil e primaria, así como escolas unitarias.

A moción presentada polo Partido Popular en apoio ao sector lácteo saíu adiante por unanimidade. Antes do comezo da sesión gardouse un minuto de silencio como símbolo de dó polas vítimas da violencia machista.

Coa adhesión ao convenio da Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT) e á Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) en materia de intercambio de información tributaria e colaboración recadadora coas entidades locais, a concelleira de Economía e Facenda, Gemma Otero, Explicou que esta adhesión “posibilita manter un fluxo de intercambio de información para un mellor funcionamento das actividades desenvolvidas dentro dos servizos administrativos, coa conseguinte redución de cargas administrativas”

Houbo unanimidade tamén na aprobación da constitución do Consello Sectorial das Persoas Maiores do Concello de Ames. A concelleira de Benestar Social e Igualdade, Luísa Feijóo falou da necesidade de ter en conta a valía e a experiencia que aportan as persoas maiores “que co incremento da esperanza de día ademais cada vez seremos máis” para enriquecer a vida municipal. Xosé Ramón Oulego de Ciudadanos celebrou como “boa nova” a proposta, Tamén gabou a iniciativa Quique Costas, de Ames Novo quen, a modo de brincadeira, levou o tema ao seu terreo: “”Como amante da participación e persoa maior que son descubro que aínda teño futuro nesta vida municipal”. Oliva Agra, do PP, cualificou de moi importante a proposta e pediu que no futuro se cumpra con todo o exposto”.  

Tampouco suscitou controversia a proposta de aprobación inicial do regulamento de funcionamento do Consello sectorial de Educación do Concello de Ames. David Santomil lembrou que xa este órgano de participación veciñal xa se constituíra mediante acordo plenario do 25 de febreiro de 2021. Pola súa banda, Xosé Ramón Oulego, de Ciudadanos, aplaudiu que se recollese a proposta de que se aceptase a posibilidade da presenza telemática.

Código Ético e do Bo Goberno do Concello de Ames
A  proposta da aprobación do Código ético e do Bo Goberno do Concello de Ames foi defendida pola concelleira de Transparencia, Vanessa Vidal. Inclúe cinco grandes partes, entre as que se atopan disposicións xerais, principios reitores da actividade municipal, normas de conduta, pautas en materia de contratacións e subvencións e o seguimento e avaliación do propio Código e súa redacción toma como referencia leis estatais e autonómicas de transparencia e bo goberno, recomendacións do Consello de Europa e códigos de conduta doutros concellos e da Unión Europea. Vidal matizou que o Código dirixiríase aos políticos, ao persoal eventual, ás entidades vinculadas e con relacións con Concello e aos directores cos que no futuro contarase no Concello de Ames. O representante de Ciudadanos anunciou o seu voto a favo, como fixo Quique Costas, de Ames Novo.

Pola súa banda, o Partido Popular fundamentou a súa abstención no feito de que que non se lle recollese unha das cinco emendas que presentaron ao documento, concretamente a referida á “priorización do uso de software  libre e impulso dese formato”, incluída no texto e coa que o seu grupo non estaba conforme. Vidal respondeu que este sistema é empregado por todas as administracións e “garante a transparencia e mellora a relación dos cidadáns coa administración pública”.

Adxudicación do Servizo de Limpeza
O outro punto de fricción entre o goberno e a oposición deuse na proposta de adxudicación do Servizo de Limpeza Integral nas instalacións municipais e nos Centros Educativos do Concello de Ames. A proposta foi argumentada pola concelleira de Economía e Facenda, Gemma Otero. Na quenda de intervencións, o PP pediu que a aprobación da proposta se aprazase até que elaborasen uns novos pregos “que emendasen erros e recollesen especificamente en cada un dos lotes que o servizo de limpeza debería facerse diariamente” ao faltar, no lote 1º, a obriga diaria de limpeza de aseos nos centros de infantil, primaria e escolas unitarias. Para os populares, “o proceso de licitación debe ser transparente, rigoroso e preciso” e non deixar espazo a erros. A concelleira de Economía alegou que no prego de prescricións técnicas que rexen a contratación si se recolle o dato faltante. A proposta saíu adiante cos votos en contra do Partido Popular.

Moción a prol da defensa do sector lácteo
Como último punto da orde do día debateuse unha moción presentada polo  grupo do Partido Popular en defensa do sector lácteo. A moción supuxo o “bautismo” como poñente de Pablo Beiroa, o novo concelleiro do Partido Popular. . O PP pide na moción instar dende o Concello ao Ministerio de Agricultura a validación oficial da Conta Láctea, a aplicación informática da Xunta que calcula os custos de produción. Tamén solicitan que se garante un prezo recibido que cubra os custos dos gandeiros.

Nas quendas de resposta, o concelleiro de Ciudadanos, Xosé Ramón Oulego lembrou que “o sector lácteo representa un 1,7 do PIB galego, Quique Costas de Ames Novo matizou que “o prezo do leite subiu pero nin un só céntimo repercutiu en que o produce”. Vanessa Vidal de Podemos Ames pediu que a “iniciativa se estendese a outros sectores” e Manuel Lens, do PSOE botou de menos unha referencia ao apoio as cooperativas. A moción aprobouse por unanimidade.