Ames reivindica a súa multiculturalidade e o respecto aos dereitos humanos

126

Ames acaba de adherirse á campaña “10, 100, 1000 Cidades e Territorios de Dereitos Humanos para 2030”. A iniciativa, que parte da Organización Mundial de Cidades e Gobernos Locais Unidos (CGLU), procura xuntar aqueles gobernos locais e rexionais que busquen concretar os dereitos humanos mediante o acceso á educación, a vivenda, a saúde, a alimentación e a seguridade, establecendo marcos transformadores contra a desigualdade, a discriminación ou o cambio climático.

Trátase dun chamamento internacional sen precedentes, que xorde das cidades de Barcelona, Grigny, Gwangju, México, Utrecht e Viena, que convidan a formar parte das 100 primeiras cidades e territorios comprometidos cos dereitos humanos.

O Concello lembra que Ames duplicou a súa poboación nas dúas últimas décadas grazas á chegada de centos de veciñas e veciños doutros países. Hoxe en día hai residentes en Ames de 33 nacionalidades distintas, e a media de idade (38,5 anos) é das máis baixas de Galicia.

“Onde os demais ven un problema nós vemos a riqueza da interculturalidade. Levamos moitos anos traballando neste sentido así como na loita contra a exclusión social, no ámbito de igualdade de oportunidades, promoción da saúde, participación e dereitos. Unirnos a esta campaña significa seguir crecendo en igualdade de oportunidades e en dereitos, ademais de aprender do que se está a facer en outros municipios e rexións”, destacou a concelleira de Benestar Social, Luisa Feijóo.

O Concello de Ames conta na actualidade cunha serie de programas e medidas que promoven a realización e o cumprimento dos dereitos humanos a nivel local, como a renda municipal básica e as axudas para a recuperación; o banco municipal de alimentos ou os comedores escolares municipais; o programa de vivendas baleiras; o Servizo de Atención ao Migrante; o departamento de Promoción da Saúde e o seu programa Ames Saudable; o Centro de Información á Muller, ou os múltiples consellos sectoriais que se veñen creando nos últimos meses.