A Casa do Concello acolleu a presentación do acordo entre o Concello de Ames, o Monbus Obradoiro e maila Fundación Heracles, para que o equipo filial, que compite na liga EBA, pase a denominarse Obradoiro Ames e dispute os seus encontros como local no pavillón municipal do Milladoiro. O acordo terá unha duración de tres temporadas, aínda que se agarda poder prolongalo por máis tempo. O Obradoiro CAB establecerá un convenio de colaboración coa A.D. Básquet Ames como complemento a este convenio para a promoción e dinamización do baloncesto entre a mocidade de Ames.
O acordo Concello e Fundación foi presentado nunha rolda de prensa á que asistiron o alcalde de Ames, Blas García, a concelleira de Deportes, Susana Señorís, o presidente da Fundación Heracles, Pepe Casal, e mailo adestrador do Monbus Obradoiro, Moncho Fernández.
Algúns dos beneficios deste acordo serán que toda a veciñanza de Ames gozará dun 10% de desconto, acumulábel a calquera outro desconto existente, nos abonos do Monbus Obradoiro para ver os partidos da liga ACB, dende a sinatura do convenio. Ademais, o Concello de Ames gozará de 100 invitacións para un partido da Liga ACB do conxunto obradoirista como local, no Multiusos Fontes do Sar, a elixir, agás os partidos que se establezan no calendario contra Real Madrid e FC Barcelona.Por outra banda, o primeiro equipo realizará un adestramento-exhibición, coa posterior sinatura de autógrafos, no pavillón municipal do Milladoiro, nunha data que se acordará entre as partes.
Pepe Casal, presidente da Fundación Heracles, dixo “para nós, xogar en Ames e que o noso filial se chame Obradoiro Ames é moi importante. Primeiro porque imos xogar con público. Estar ao lado de Santiago, ter un pavillón coma o do Milladoiro, para nós como equipo é un salto de calidade moi grande, incluso faremos algún oco para poder adestrar alí. Este acordo para tres anos é moi bo para ambas partes, sobre todo para un concello onde hai nenas e nenos por todos lados. Oxalá estes nenos crezan sabendo que o filial do Obradoiro vai xogar no Milladoiro, iso vai ser un aliciente tanto para eles como para nós.
Moncho Fernández, adestrador do Monbus Obradoiro, destacou que “é un pracer estar aquí convosco, non só teño ao Obradoiro no corazón, senón que este é o meu concello, onde resido coa miña familia dende xa fai nove anos, levo a bandeira de Ames alí onde imos. Para min foi unha ledicia enorme, primeira por egoísmo, porque resido aquí e vai ser moito máis doado ir aos partidos, e tamén porque é un paso adiante fantástico para o que é o noso equipo filial, que está a facer unhas campañas excepcionais. Estou convencido de que vai atraer a moita xente, non só polo espectáculo, senón que por esa referencia para os cativos e cativas, creo que somos o concello de maior crecemento de Galicia”.