Ames sinala ás parcelas sen limpar

318

O mal mantemento dos peches vexetais nas fincas rurais e urbanas dificulta o labor dos operarios do servizo de mantemento das rúas, constitúe un serio perigo para peóns e automóbiles e pode conlevar sancións dende 300 a 6.000 euros. O elevado número destas condutas incívicas constitúe a causa pola que o concello de Ames prepara un borrador de ordenanza para regular e concienciar sobre o deber de limpeza e mantemento de parcelas polos seus propietarios.

Sobrecarga de traballo
En total, no ano 2020, o Concello de Ames abriu máis de 200 expedientes referidos a infraccións desta natureza. A cifra non reflicte a realidade posto que unha boa parte deles incorporan múltiples parcelas de distintos propietarios, co que a tramitación multiplícase en tempo e forma. A sobrecarga de traballo provocada por estes expedientes provoca o atraso noutros expedientes importantes tanto na planificación, como na xestión, incidindo asemade na calidade de vida dos cidadás.

Prepárase unha ordenanza e unha campaña de concienciación
“Cumprir coas obrigas inherentes á propiedade e á promoción, non só poñerá en valor o noso territorio, senón que facilitará as relacións de boa veciñanza e evitará a necesaria intervención das administracións competentes, permitindo a racionalización na utilización dos recursos públicos deste Concello”, declara o alcalde de Ames, José Miñones, e concelleiro de urbanismo, quen tamén anuncia que o Concello está preparando unha ordenanza para regular esta cuestión e unha campaña de concienciación para a veciñanza, onde se informará das normas que obrigan a manter as parcelas en condicións óptimas de seguridade, accesibilidade, salubridade e ornato público establecidas pola Lei do solo de Galicia e pola normativa urbanística vixente.

O PXOM de Ames establece unha altura máxima de 2 metros para os lindeiros nos solos urbanos e nos núcleos tradicionais. No resto das zonas de diferente clasificación a altura dos peches en todo o perímetro das fincas fíxase nun metro que pode ser macizo, admitíndose sobre este un cerrado diáfano até completar os dous metros. Isto implica que no último metro o peche vexetal deberá rarearse sen que poida chegar a constituír un peche compacto.

Condutas infractoras sancionables
As sancións polo incumprimento da normativa van desde 300 a 6.000 euros, e estas infraccións mesmo poden chegar a obrigar a retirar o peche nos supostos de reposición da legalidade urbanística.

No caso de incumprimento das ordes de execución para a conservación da propiedade en términos de seguridade, ademais da imposición de sancións poden chegar a impoñerse multas coercitivas para conminar ao infractor ao cumprimento da orden de execución que eventualmente se ditara. Multas que ascenden a cantidades de 1.000 a 10.000 euros, até un máximo do 75% do custe das labores de limpeza.

Respecto aos expedientes de reposición da legalidade por exceso de altura dos peches vexetais, fronte ao incumprimento último da resolución recaída esíxese a restauración da legalidade vulnerada –o recorte do peche cumprindo as alturas máximas permitidas-. A Lei do Solo de Galicia obriga á esixir a total retirada do peche vexetal, impoñendo asemade sancións por importe de 300 a 6.000€ e, como mínimo, o 2 % do valor do peche.

Desde o Concello resaltan que son moitas as queixas e denuncias recibidas de veciños e veciñas sobre estes incumprimentos e inciden na necesidade dun cumprimento das normas de cara a evitar a imposición de sancións, así como a acumulación de traballo do persoal que poderá destinar este tempo a outras necesidades do departamento. “A nova normativa que se está a redactar esperamos que sirva para acadar a diminución deste tipo de expedientes. Manter un comportamento cívico e consciente da posta en valor da propiedade privada manténdoa en boas condicións non só fará de Ames un municipio mellor para todos, se non que evitará a intervención da administración, que é o máis desexable. Xa que concienciar impoñendo multas e sancións está concibido como o último recurso dos poderes públicos para facer cumprir as obrigas dos individuos. De aí a importancia desta campaña divulgativa”, declara Miñones.