Ames súmase ao metaverso: a empresa Tecalis do Milladoiro presenta unha tecnoloxía de seguridade en Valencia

139

A empresa tecnolóxica Tecalis, instalada no parque empresarial do Milladoiro, e mais o Concello de Ames participarán este venres na sexta edición do Innpulso Emprende de Valencia. No evento, que se celebra no espazo Veles e Vents da Mariña desta cidade, presentarán o proxecto Avatar Identity Technology. Trátase da primeira tecnoloxía de verificación de identidade de persoas e avatares para o metaverso.

Por parte da empresa, lembran que “os riscos que enfrontan estas contornas virtuais non son moi distantes dos que enfrontan compañías e usuarios do mundo real”, pondo como exemplo “a fraude de identidade, a suplantación, o roubo ou o acoso” nun espazo onde o usuario ten “a identidade alterada”. A creación de avatares baseados nunha identidade real é fundamental para evitar actividades ilícitas. Coa tecnoloxía Tecalis Avatar Identity Technology (AIT), dende a empresa amesá procuran “resolver todos os retos que enfrontan as diferentes contornas do metaverso ou relacionadas con elas”, que estarían a limitar “o seu crecemento e confiabilidade”.

Na actualidade existen organismos a nivel mundial que están replicando no metaverso as súas cidades para tratar de mellorar os sistemas de transporte, resolver problemas de tráfico, xerar novos modelos de xeración de enerxía, mellorar o seu modelo urbanístico, etc. A Avatar Identity Technology permitirá dispor de perímetros organizados de seguridade no metaverso.

Innpulso Emprende é o evento máis representativo da rede Innpulso, que procura vías de encontro entre os municipios e o tecido emprendedor. Por parte de Ames acudirán o alcalde, Blas García, xunto coa concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz. Por Tecalis viaxiará o seu director xeral, Isidoro Martínez, e a directora de asuntos corporativos e gobernanza, Berta Caro.

O evento reúne anualmente a alcaldes e alcaldesas das cidades pertencentes á Rede Innpulso coas pemes, micropemes e startups máis innovadoras que foron seleccionadas por cada unha das cidades. Deste modo facilítase o achegamento entre pemes innovadoras por toda España.

Sobre esta viaxe a Valencia, o rexedor municipal, Blas García, destaca que “Ames, que forma parte da rede Innpulso desde o ano 2018, quere amosar a potencialidade do noso concello na materia das comunicacións e as tecnoloxías, no que contamos con varias empresas punteiras neste importante sector”.

Compromiso co medio ambiente

Na súa sexta edición, o evento conta coa participación de 53 cidades da Rede Innpulso, incluíndo o municipio de Ames, e céntrase na Misión de Cidades intelixentes e climaticamente neutras (100 Climate-neutral Cities by 2030 – by and for the Citizens) que impulsa a Comisión Europea. Procura facilitar a transición destas poboacións cara á neutralidade climática no ano 2030, buscando que este cambio mellore o benestar da poboación, a saúde, a calidade do medio ambiente ou o emprego.