Ames ten xa 47 casos activos de COVID-19

181

O alcalde de Ames, Blas García, amosou hoxe a súa preocupación polo incremento de casos activos de COVID-19 en Ames, que hoxe son xa 47 fronte aos 40 rexistrados en cifras oficiais hai dous días. Desde mediados de xuño, os casos multiplicáronse por dez. A incidencia acumulada a dúas semanas é de 134.

García sinalou que “isto pode ser aínda peor se non controlamos e non seguimos escrupulosamente as normas sanitarias e as restricións, porque que poidamos saír desta situación depende de cada un de nós de maneira individual”. Considera que “quizais todas e todos nos confiamos fai un mes cando se nos permitíu andar sen mascarilla pola rúa, ou escoitábamos novas sobre a baixada de casos, o incremento no número de vacinados, e que abrían fronteiras para poder viaxar”. Sinala o rexedor que “todo mudou, e daquela situación de apertura e ledicia volvemos a estar nunha situación preocupante, moi preocupante”. Lembra que os casos tamén medran notablemente en concellos próximos e as autoridades sanitarias e políticas están a ampliar as restricións. Blas García alerta contra a saturación da atención primaria, lembrando que afecta especialmente a “aquelas persoas que sofren a enfermidade directamente, e os sectores económicos máis afectados que teñen que pechar ou abren dun xeito reducido” .

“Eu só pido control e responsabilidade, e pido paciencia” para as próximas semanas, remata o alcalde. “Desta imos saír e farémolo co traballo, a comprensión e a responsabilidade de toda a cidadanía”.