Ames terá dous puntos gratuítos de autolavado, inflado de rodas e reparación de bicicletas

A veciñanza de Ames afeccionada ao ciclismo contará en diante cun servizo novo. Dúas columnas AIR-TOOL-WAHS facilitarán o lavado, a reparación e o inchado das rodas, de forma gratuíta. Unha delas xa se atopa na Casa da Cultura do Milladoiro e en breve haberá unha no aparcadoiro da Telleira de Bertamiráns. 

A iniciativa diríxese sobre todo, aclaran dende o Concello, a aqueles ciclistas afeccionados que non posúen unha finca ou un quinteiro para poder coidar e manter a súa bicicleta en óptimas condicións. 

Estas columnas AIR-TOOL-WAHS, provintes de Bilbao, integran na súa estrutura un sistema de inflado de rodas, unha estación de autorreparación e un sistema de lavado. Son de aceiro inoxidable, pesan 36 quilos e posúen un sistema de inflado xiratorio antivandálico provisto dunha mangueira unida a unha bomba hidráulica. Compleméntase cun manómetro a presión e conta cun xogo de 8 ferramentas unidas á columna con cables de aceiro individuais extensibles. O sistema de lavado ofrece a posibilidade de personalizar o tempo de pulverización.  

A columna xa operativa no Milladoiro está a ser obxecto de traballos estes días para mellorar a presión da auga. En breve, o Concello sinalizará este servizo.