Melchor, Gaspar e Baltasar van pasar tres días no concello de Ames escoitando os desexos da cativada e enchendo a vila de maxia e ilusión. A Gran Festa de Reis comezou este martes cunha recepción dos Reis. Os Magos de Oriente estarán nos pavillóns de Bertamiráns e do Milladoiro ao longo do martes 3 e do mércores 4 atendendo as peticións dos nenos e das nenas amesás. A cita resérvase na Sede electrónica do Concello de Ames.
O día 5 de xaneiro, os Reis Magos pasarán por todos os recunchos do concello, visitando os locais sociais, para que tanto os cativos e cativas dos núcleos urbanos como do rural poidan acudir a velos. Desta maneira, ao longo da mañá, Melchor, Gaspar e Baltasar estarán nas once parroquias do Concello de Ames. Así, pasarán por Ameixenda e Cruxeiras a partir das 10:00 horas, por Aguapesada ás 10:30h, por Piñeiro e Covas ás 11:00h, por Tapia e Ortoño ás 11:30h, por Lens ás 12:00h, por Agrón e Bugallido ás 12:30h, por Trasmonte ás 13:00h e por Biduído ás 13:30 horas.
Para finalizar a Gran Festa de Reis, o propio día 5 pola tarde celebraranse dúas cabalgatas, nas que participarán preto de cen nenos/as e mozos/as, divididos en distintas carrozas, e nas que se repartirán caramelos. Ademais, xunto aos Reis viaxará un gandeiro da cooperativa CLUN para distribuír bolsas de lambetadas.
A primeira das cabalgatas terá lugar no Milladoiro, de 17:00 a 18:00 horas. A comitiva real sairá da rúa Agriños, proseguirá pola Travesía do Porto – Rúa Pardiñeiros – Agro do Medio – Rúa de Abaixo – Rúa Raxoeira – Rúa Anxeriz – Rúa Cruxa – Agro do Medio – Rúa Cereixeiros – Travesía do Porto. Ao rematar, as Súas Maxestades desprazaranse ata o pavillón municipal da localidade, arredor das 18:30, onde se despedirán e darán paso á actuación da artista María Fumaça. Ademais, os asistentes poderán desfrutar de rosca con chocolate e de batidos doados por CLUN.
Os Reis desprazaranse tamén ata Bertamiráns, onde a cabalgata se celebrará de 19:00 a 20:00 horas. As carrozas sairán da estrada de Lapido, á altura do 108; a continuación proseguirán por Avenida da Mahía – Travesía do Pedregal – Rúa Pedregal – Avenida da Mahía – Avenida da Peregrina ata rematar no pavillón. Igualmente, haberá un fin de festa no pavillón municipal, de 20:30 a 21:30, e tamén se poderá desfrutar da rosca con chocolate e dos batidos de CLUN. Así mesmo, haberá unha actuación da man de Pesdelán.