A Concellería de Igualdade de Ames conmemorará un ano máis o 8 de marzo, Día da Muller, a través dunha batería de actividades. A programación de 2023 inclúe unha carreira feminista, obras de teatro, un programa dirixido a vítimas de violencia de xénero e mulleres vulnerables, obradoiros de autocoidado e unha exposición fotográfica.
Mañá mércores terá lugar o tradicional acto que serve como evento central. Lerase un manifesto institucional para conmemorar o 8M. Será ás 18h, aínda que xa uns 15 minutos antes haberá reparto de material promocional na praza do Concello. Participarán todos os grupos municipais e ao rematar os alumnos e alumnas da Escola Municipal de Música de Ames (EMMA) ofrecerán unha actuación musical, e a Plataforma Feminista de Ames realizará unha performance.
Actividades polo Día Internacional da Muller
As actividades polo 8M continuarán ao longo das vindeiras semanas. Este sábado, 11 de marzo, ás 11:30 horas, terá lugar a unha nova edición da carreira de obstáculos “Moitos camiños, mesma meta”, que pretende reivindicar os atrancos aos que se enfrontan as mulleres no seu día a día. Por outra banda, xa se están a desenvolver diversos obradoiros e charlas de autocoidado feminino impartidos por expertos en regulación emocional e hábitos saudables. Terán lugar os mércores e xoves do mes de marzo, na Casa dos Maiores de Bertamiráns e na Casa da Cultura do Milladoiro.
Así mesmo, o venres 17 de marzo o auditorio da Casa do Milladoiro acollerá a representación da obra de teatro “A señora de Forcadela”, ás 20:30 horas. Nela nárrase a vida da mestra Josefina García Segret, retida na prisión de Tui durante a Guerra Civil, así como doutras mulleres que foron aprisionadas na mesma época.
O itinerario do 8M rematará coa exposición fotográfica “Sinaladas”, ofrecida pola Deputación da Coruña e organizada en colaboración co departamento de Cultura, que se poderá visitar no Milladoiro dende o 27 de marzo ao 21 de abril, e que xirará arredor da loita das mulleres no século XX: cen anos de conquistas e represión.
