Amplia participación na clausura das escolas deportivas municipais

792

A clausura das escolas deportivas de Ames foi diferente e tivo unha concorrencia de público notable en Bertamiráns e Milladoiro

 

Este ano a festa de clausura das escolas deportivas foi un evento distinto. As actividades deportivas desenvolvéronse en varias instalacións municipais de Bertamiráns e do Milladoiro. Algunhas delas realizaron ao aire libre e outras no interior das casas da cultura e pavillóns polideportivos. Un gran número de nenos e nenas participaron nas demostracións das distintas modalidades deportivas acompañados dos seus familiares. O acto rematou cunha gran churrascada na área deportiva do Milladoiro con animación musical.

O curso 2016-2017 das Escolas deportivas municipais chegou ao seu fin e como todos os anos ao final de tempada celebrouse unha festa de clausura onde os rapaces e rapazas fixeron unha demostración do aprendido ao longo destes meses nas actividades que participaron. Este ano houbo varias novidades e celebrouse a festa en varias instalacións das localidades de Bertamiráns e do Milladoiro.

Deste xeito, decidiuse sacar as actividades deportivas á rúa. Lonxe de concentrar todas as actividades nun mesmo pavillón e lugar, este ano cada actividade tivo unha pequena exhibición nun entorno distinto acorde ao seu deporte. Así o tenis foi na cancha aberta; a ximnasia, judo e ballet practicaranse nos auditorios das casas de cultura; os deportes de balón nas pistas exteriores; e o patinaxe no pavillón.

A festa, que comezou ás 16:00 horas en Bertamiráns e ás 16:30h no Milladoiro, estendeuse ata as 18:00 horas. Arredor das 18:30 horas entregáronse os diplomas en cada unha das actividades e grupos. Os actos finais celebráronse este ano no Milladoiro, xa que o ano pasado o peche das escolas deportivas realizouse en Bertamiráns. Dende o Concello e coa colaboración da empresa Serviplus, que xestiona as escolas deportivas, organizouse un evento familiar e festivo que rematou cunha churrascada e música na zona verde da área deportiva do Milladoiro na que houbo inchables, Dj e obradoiros para amenizar o peche destas actividades.

O alcalde e concelleiro de Deportes, José Miñones, agradeceu “a colaboración dos clubs que xestionaron as escolas este ano e que colaboraron no desenvolvemento desta festa deportiva”. Ademais para o alcalde “as escolas deportivas son unha clara mostra da aposta deportiva deste Concello e por iso quixemos que o peche das mesmas nesta anualidade se convertera nunha gran festa do deporte”.