Amplíanse as obras da améndoa central de Bertamiráns

74

Continúan as obras para desenvolver unha améndoa central no núcleo de Bertamiráns coas que o Concello pretende acadar “un espazo público de calidade no que se lle dará prioridade ás persoas, pero sen prohibir o tráfico rodade de vehículos”. A ambiciosa actuación contempla seis rúas e dúas prazas ao longo de tres fases distintas.

Veñen de comezar as actuacións da segunda subfase do proxecto co que se potenciará o uso peonil dos espazos públicos, así como o reforzo das zonas verdes e do comercio local. A primeira fase arrincou a finais de xaneiro na praza da Maía e as obras fóronse estendendo cara á Travesía da Peregrina. Agora convivirán coas obras no tramo da avenida da Maía que discorre entre a rotonda que dá acceso á avenida da Peregrina e o cruce coa rúa Alcalde Lorenzo. Co obxectivo de minimizar o impacto, os traballos vanse executar en dúas fases mentres proseguen as obras da Maía.

O Concello informa de que os acceso a portais e negocios non se verán afectados, pero recolocaranse os contedores do lixo e tamén se moverá a parada do bus metropolitano.

A primeira fase da obra céntrase na praza e na avenida da Maía, ademais de Alcalde Lorenzo. Crearase un espazo público de continuidade entre a praza da Maía, a avenida homónima, a rúa Alcalde Lorenzo e a praza do Concello. A segunda fase da actuación inclúe as obras que se van executar nas rúas do Ameneiral e Entrerríos. A terceira e última fase afecta á Travesía da Peregrina e á rúa Rueiro.