AMSGO consegue adiantar a apertura do cemiterio municipal

524

A exclusiva sobre o cemiterio municipal foi un dos detonantes para a apertura

No noso número de xullo, este medio conseguiu unha exclusiva sobre o cemiterio municipal dos Batáns. Nesa reportaxe falábase do longo proceso levado a cabo polos distintos Gobernos municipais para abrir as instalacións ao público. Dende 2009, o cemiterio permaneceu pechado e foi ata este ano, que o tripartito fixou unha data estimada de apertura; finais do 2017 ou principios do 2018.

Hoxe, o Goberno municipal de Ames, anunciou a inmediata apertura das instalacións pola reacción dos veciños e veciñas á reportaxe. A contratación dunha persoa responsable para realizar traballos de vixilancia, mantemento e atención ao público deu o oficialmente carpetazo ao asunto e así adiantar a súa posta en marcha.

Deste xeito, asinouse un contrato con Javier Cebreiro Varela, cun orzamento máximo de 5.000 euros, para encargarse das tarefas mencionadas. Establécense dous horarios diferentes para prestar estes servizos. O horario de verán (do 1 de agosto ao 30 de setembro de 2017) prestarase de luns a venres, de 9:00 a 13:00h e de 18:00 a 20:00h, así como os sábados, domingos e festivos de 10:00 a 14:00h, mentres que o horario de inverno (do 1 de outubro ata o 31 de decembro de 2017) será todos os días (incluídos sábados, domingos e festivos) de 10:00 a 18:00 horas.

Durante o mes de setembro abrirase unha fase de licitación para as concesións dos diferentes nichos dispoñibles

O obxectivo do goberno é que a xestión do cemiterio sexa municipal. Para iso, durante os cinco meses que vai a durar este contrato realizaranse os trámites oportunos para que estes servizos sexan prestados por persoal municipal. Deste xeito, haberá que facer unha modificación puntual na Relación de Postos de Traballo (RPT) e abrir un proceso de contratación de persoal.

Durante o mes de setembro abrirase unha fase de licitación para as concesións dos diferentes nichos dispoñibles. A adxudicación das devanditas concesións farase en función do valor económico que figure na proposta de cada persoa interesada en conseguir unha concesión e outros criterios de valoración que se farán públicos. Esta proposta terá sempre que partir dun prezo mínimo que se establecerá para cada unha das modalidades ás que se pode optar. Durante o mes de outubro está previsto realizar as adxudicacións dos nichos, tumbas, panteóns e columbarios, para que a partir dese momento se poidan comezar a empregar estas instalacións do cemiterio.