Andaina e limpeza do río do Pego o vindeiro sábado

493

A Asociación de veciños “O Cantiño” de Quistiláns e mais a Plataforma pola recuperación do Río Sar, colaborarán nunha andaina-limpeza do Río do Pego aberta á veciñanza. Será o sábado 1 de agosto a partir das sete da tarde. Con esta acción pretenden reivindicar este paraxe de gran riqueza natural, antropolóxica, inmaterial e patrimonial e poñer o foco de atención sobre a necesidade de coidar o río e non emporcar de lixo as súas augas. Calquera persoa que queira colaborar deberá levar máscara e luvas.

En Quistiláns sempre chamaron “Río do Pego” a ese tramo do Río Roxos, próximo á Ponte Cabirta, que discorre á altura da antiga fábrica de papel e chega até o centro de captación de augas, preto do cemiterio dos Batáns. A veciñanza desta parroquia amesá foi a que se encargou sempre da limpeza e do coidado do río. Así o conta Rubén Melide, veciño de Quistiláns e membro de “O Cantiño” e da “Plataforma pola recuperación do Sar”: “O río coñéceo, cóidao e respéctao a xente da zona; nos últimos tempos adoitan visitalo moitas persoas novas que non teñen ese coidado e que, desgraciadamente, en moitas ocasións, deixan todo inzado de lixo”.

Fartos de pedir respecto aos que veñen de fóra e de afrontar limpezas a título individual, as Asociacións “O Cantiño” e a “Plataforma pola recuperación do Río Sar” deciden facer esta acción que ten tanto de ecolóxica como de reivindicativa: “Non é tanto a limpeza que xa se ven facendo en silencio desde hai moitos anos, como a intención de que esta acción sexa realmente un acto reivindicativo: queremos facer unha chamada de atención sobre o río e a súa contorna, que se entenda que o río posúe uns valores e que é obriga de todos e de todas preservalos”, manifesta Suso Noia, presidente da Plataforma pola recuperación do Sar.

Esta chamada de atención á cidadanía esténdese as institucións a quen os organizadores piden que se coide e preserve este espazo natural de gran riqueza antropolóxica, patrimonial, inmaterial e ecolóxica: “Nas proximidades hai un bosque autóctono caducifolio, está cerca a Ponte Cabirta, e abondan especies como a ra patilonga, o caracol Quimper e a pintega rabilonga”, matiza Rubén Melide, quen engade: “O río non merece que o incemos de rodas de tractor, caixas de cervexa, botellas, botas e todo tipo de plásticos, refugallos que vimos sacando periodicamente desde hai anos”.

O Concello de Ames anima á veciñanza a participar na andaina-limpeza.