Andaina pola ruta de Riamontes

Trátase dunha andaina aberta a todos os públicos que é circular, polo que arranca e remata no lugar do Vilar, pertencente á parroquia de Ames.

681

A ruta de Riamontes alberga unha extraordinaria riqueza ambiental e cultural

A Concellaría de Medio Ambiente organizou para este domingo, 14 de maio, unha andaina pola ruta de Riamontes. Percorreranse sete quilómetros andando polos arredores do regato e dos muíños que hai na súa contorna. Trátase dunha andaina aberta a todos os públicos que é circular, polo que arranca e remata no lugar do Vilar, pertencente á parroquia de Ames.

A ruta de Riamontes alberga unha extraordinaria riqueza ambiental e cultural. A enorme variedade de especies vexetais e animais que atopamos nas pequenas fragas do regato de Riamontes fálanos dun espazo equilibrado e diverso onde os saltos e as pequenas fervenzas salpican a contorna con pingas de auga cristalina.

O primeiro tramo do percorrido transcorre por un vello camiño entre prados e árbores froiteiras no que se pode contemplar unha paisaxe tipicamente rural. Posteriormente, os camiñantes entrarán nun fermoso tramo que discorre á carón do rego de Riamontes e que alberga, ademais dunha multitude de especies, un total de 11 muíños encadeados. Os muíños de Riamontes, en diferente estado de conservación, gardan entre os seus muros unha infinidade de historias das muiñadas de outrora. Continuando o ascenso, pasarase pola poza onde se encoraba a auga durante o verán para o funcionamento dos muíños.

Seguindo a camiñada, a ruta chega ata o alto de San Marcos, a 260 metros sobre o nivel del mar. Desde alí pódese contemplar unha espléndida visita do val da Maía, o val formado polo río Sar. Neste lugar vaise facer unha pequena parada para comer algo e repoñer forzas. Os sinais indicativos axudaranlle aos camiñantes a emprender o descenso por un carreiro entre matogueiras e plantacións forestais que os levará de volta ao lugar de Vilar. Durante esta última parte da andaina os participantes poderán ver unha das poucas sobreiras que quedan por esta zona.