Ángel Carracedo gaña o Premio Otero Pedrayo 2022

50

O catedrático en medicina legal, investigador e experto en xenética Ángel Carracedo, veciño de Ames, é o gañador do Premio Otero Pedrayo, que neste 2022 organizou a Deputación da Coruña e foi convocado polos catro entes provinciais galegos e mais a Xunta. Carracedo é o primeiro científico recoñecido con este premio, e gáñao por unha traxectoria de investigación médica.

Foi a propia Deputación da Coruña a que propuxo a candidatura de Carracedo. Para o deputado de Cultura, Xurxo Couto, cómpre recoñecer “unha das principais figuras da historia da ciencia galega e un home comprometido co seu tempo, disposto sempre a participar en liñas de traballo que contribúan á mellora da nosa sociedade”.

Para a concesión do premio tívose en conta o importante papel da investigación científica e médica despois dos dous anos de pandemia en que os avances da ciencia foron fundamentais ante unha doenza que deixou máis de seis millóns de persoas mortas en todo o mundo. Neste ámbito, a figura do profesor Ángel Carracedo representa unha figura privilexiada no ámbito da ciencia, cunha traxectoria que está a ser unha referencia na historia da investigación galega.

O Premio Otero Pedrayo entrégase dende 1977 para homenaxear a figura deste destacado intelectual e galeguista, pero tamén para recoñecer o labor de contribución á cultura e promover os valores propios de Galicia, ademais das obras que contribúan á mellora da cidadanía e as institucións.