Ángel Carracedo protagoniza o programa número 40 de “Quedamos para un café”

199

A podcaster Seu realizou na tarde do martes 24 de outubro un novo programa de “Quedamos para un café”, que chega á súa 40ª emisión. Coa colaboración do Concello de Ames, este programa realizouse en directo dende a Casa da Cultura do Milladoiro. O evento desenvolveuse entre as 17:00 e as 20:00 horas. Seu non deixou de mostrar o agradecemento ás persoas que axudaron para facer posible este podcast e celebrou que o “auxe e crecemento do podcasting fixo posible que os apaixoados da comunicación expresasen as súas ideas sen barreira algunha”.

O alcalde de Ames, Blas García, acudiu ao acto de apertura onde se destacou como un oínte máis da radio e un gran admirador do formato podcast, un formato que revolucionou este medio por completo. O edil tamén anunciou que “Ames, a través da súa radio cidadá empezará a dar espazo ao podcast e ás oportunidades que nos brinda este novo formato”.

Posteriormente deuse paso a unha mesa redonda na que participaron Leo Menéndez e Paula Morais, todos eles podcasters. Cada un deles falou dos seus proxectos, do que lle aportan persoal e profesionalmente e de cales son os seus podcasts favoritos.

Dende as 18.00 ata as 19.00 horas realizouse a gravación do episodio 40 que estivo protagonizado por Ángel Carracedo, catedrático de medicina legal, investigador e experto internacional en xenética. Nesta conversa a podcaster, Seu, abordou con Carracedo diferentes aspectos da súa vida profesional e persoal. Para rematar, desenvolverase o acto de clausura, cos agradecementos e a despedida.

“Quedamos para un café”
“Quedamos para un café” é un podcast dirixido por María José Bermúdez, Seu, asistente virtual, produtora de podcasts e editora de audio. Leva en emisión dende maio de 2021, e acumula 38 programas en emisión. Nel, Seu aborda experiencias de vida, conversando con persoas ás que admira e respecta.