Ángel Carracedo, xenetista: “En galego pódese falar de todo”

257

Novembro é o Mes da Ciencia en Galego e isto reflectiuse no programa Apego de Ames. Nada mellor que contar cunha das voces da ciencia galega que sempre ten reservado un papel moi especial para a lingua. Ángel Carracedo, Catedrático en Medicina Legal e experto en Xenética, nacido en Santa Comba pero residente en Ames, foi o convidado de luxo para a sesión do día 11, que se celebrou na Casa de Cultura de Bertamiráns.

Carracedo conta cunha ampla traxectoria profesional, docente e investigadora ligada á especialidade da xenética dentro do mundo da medicina. Hoxe en día é profesor de Medicina Legal, Ética Médica e Bioloxía Molecular na facultade de Medicina e Odontoloxía da Universidade de Santiago de Compostela. Acompaña este labor cunha notable actividade investigadora, pero tamén divulgadora, co convencemento de que a sociedade ten que achegarse á ciencia, ou viceversa. Nesa actividade divulgadora, en Galicia, sempre emprega o idioma galego, como unha forma máis de unir a xente á ciencia a través da lingua.

Como cambiou a situación da lingua galega?

Eu vin un cambio na situación social da lingua galega ao longo da miña vida, dende unha época en que estaba moi mal vista ata hoxe. É moi importante mantela, seguir falando galego.

E na ciencia?

Temos que entender que a lingua de comunicación dentro da ciencia é o inglés. Por iso é importante que os rapaces en Galicia sexan trilingües. O papel que ten que ter o galego na ciencia é o de divulgala dentro de Galicia. A educación e a explicación científicas, na nosa terra, teñen que ser feitas en galego. Pero a ciencia é universal e por iso utiliza o inglés na súa actividade. En actividades coma esta diríxome tamén aos pais, para que sexan conscientes da importancia de saber galego e de falar varios idiomas.

O galego vale, daquela, para falar de ciencia?

En Galego pódese falar de todo. O galego cobrou moito prestixio nos últimos anos pero á vez fálase menos. Temos que loitar por mantelo, estimulalo.

Vostede ten feito moitos esforzos para divulgar a ciencia en Galicia…

Eu non me considero un auténtico divulgador, pero si me esforzo por chegar aos rapaces. E fágoo en galego para darlle importancia á lingua. En Santa Comba, cando os rapaces me oen falándolles en galego ilusiónanse, dan máis valor ás posibilidades que teñen falando o sue idioma. Vou moito ás escolas, intento contar cousas e xerar ilusión. Achego o que podo sobre ciencia á sociedade, e en Galicia iso haino que facer en galego.