Aperturas graduais dende o día 17

0
69

O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe que Galicia se manterá en máxima restrición, para consolidar a melloría alcanzada nas últimas semanas e preparar unha apertura gradual e coa máxima seguridade. “O acordo deste comité clínico é manter Galicia en restrición máxima co obxectivo de afianzar e ampliar a melloría das últimas semanas”, abundou, destacando a posta en marcha de 6 aperturas graduais.

Así, e durante a súa comparecencia para informar das medidas acordadas polo comité clínico, referiuse, en primeiro lugar, ao eido da formación, precisando que as clases presenciais en ensinanzas especiais -conservatorios de música e danza, escolas de idiomas…- retomaranse o próximo luns 22 de febreiro, “agás para a práctica de instrumentos de vento e de canto que os expertos piden aprazar de momento”, matizou.

Por outra banda, salientou que as clases presenciais na universidade volverán o luns 1 de marzo, co obxectivo de empregar a vindeira semana para facer un cribado aos universitarios.

Así mesmo, subliñou que a partir do mércores o comercio recuperará o seu horario, e farao coas mesmas condicións que están consolidadas desde que comezou a pandemia, é dicir, cun aforo do 50 por cento. Se ben, manterase o peche dos centros comerciais en fin de semana.

No tocante á práctica deportiva, o presidente da Xunta explicou que ao deporte individual ao aire libre que xa estaba permitido, engádense dúas novidades: a reapertura das instalacións deportivas ao aire libre para a práctica deportiva individual; e retómase, tamén, a competición federada autonómica.

Cómpre salientar, ademais, a apertura do interior dos restaurantes das estacións de servizo nas vías de altas prestacións, para que os transportistas -acreditando a súa condición coa tarxeta profesional- poidan comer de xeito individual.

Por último, Feijóo anunciou que se volverá a permitir a actividade cultural coas seguintes limitacións: retomarase a actividade en bibliotecas, arquivos, museos, salas de exposicións e outros equipamentos culturais, cun 30% de capacidade máxima permitida; e tamén se retomarán as actividades en cines, teatros e auditorios, coa mesma limitación de aforo.

No que atinxe ás residencias, o titular da Xunta confirmou que naquelas nas que se completase o ciclo da vacina hai dez ou máis días, as visitas pasarán de ser unha por semana a tres por semana, con dous familiares de referencia. E, no caso dos centros de discapacidade, retomaranse as saídas a fin de semana, sempre que pasasen 10 días desde que o usuario recibise a segunda dose da vacina.

“Estas son as decisións que xa acabamos de adoptar”, dixo, subliñando que entrarán en vigor o mércores 17 de febreiro.

Afianzar o conseguido e reforzar a seguridade
En relación ao resto das restricións, o responsable do Goberno galego trasladou algunhas reflexións ou horizontes nos que se está a traballar. Deste xeito, e en relación á hostalería e aos domicilios, aseverou que a aspiración é reabrir o sector “coa intensidade que se concrete e canto antes se poida”, e recuperar tamén a posibilidade de compartir con non conviventes.

Non obstante, subliñou que, dada a etapa na que nos atopamos -con novas cepas circulando e cun proceso de vacinación en marcha-, é preciso afianzar o conseguido para poder dar ese paso; e tamén reforzar a seguridade para que, cando se dea, estar nas mellores condicións posibles.

Neste sentido, aseverou que o próximo luns 22 de febreiro, volverase a avaliar a situación de xeito que, se segue a tendencia á baixa na que estamos, poderase seguir a desescalada das restricións que aínda posúe a hostalería, “co grado de intensidade e en función dos datos epidemiolóxicos de cada ámbito territorial”.

Así mesmo, asegurou que se manterán as axudas que a Xunta ten a disposición do sector e que xa suman 160 millóns de euros; “lamentablemente, cunha nula colaboración do Goberno central e escasa en relación coas administracións locais”, abundou.

Un plan de hostalería segura, trazado co sector
O presidente da Xunta anunciou, tamén, que o Executivo galego seguirá traballando cos hostaleiros para trazar conxuntamente un plan de hostalería segura. “Un plan no que se incluirá como mínimo tres aspectos: máxima seguridade para entrar, máxima seguridade ante un posible brote e máximo control”, explicou, precisando que se deseñará un sistema para transparentar os aforos, co fin de que calquera persoa que entre nun bar ou nun restaurante saiba con exactitude o número máximo de persoas que poden estar nel.

“E imos traballar co sector para establecer un sistema de rexistro de entradas que permita cribar completamente a todos os clientes que compartisen estancia cun positivo”, dixo, ao tempo que engadiu que se solicitará, tamén, un plan de inspección aos alcaldes, que será necesario para a apertura, “porque o control non só corresponde aos propietarios; corresponde tamén ás forzas e corpos de seguridade”.

Sempre e cando as cifras sigan acompañando, o titular da Xunta fixo fincapé en que o obxectivo é que, ao mesmo tempo que reabra a hostalería, se poidan levantar outras das restricións vixentes: como a posibilidade de verse cun non convivente, ou a reapertura parcial dos ximnasios.

Logo de insistir en que “non podemos relaxarnos”, o titular do Executivo galego reclamou novamente unha maior implicación e concreción do Goberno central no proceso de vacinación: “A orde de vacinación non se pode ir improvisando cada semana e é preciso que o Goberno central se someta ao mesmo exercicio de transparencia que as comunidades”, afirmou, referíndose a necesidade de coñecer cantas doses se reserva o Ministerio de Sanidade, a que grupos pretende vacinar e con que velocidade as está inxectando.

DEJA UNA RESPUESTA

Please enter your comment!
Please enter your name here