O pleno municipal ordinario do mes de xullo, celebrado onte á tarde, saldouse coa aprobación por unanimidade do Plan Ames Progreso 2021-2023, a iniciativa do Goberno local para reactivar a economía amesá a través dun programa de investimentos próximos aos 6 millóns de euros en obra pública, axudas ao comercio e hostalaría, patrimonio municipal ou contratación de persoal.
O alcalde de Ames, Blas García, amosouse “satisfeito” logo do pleno e congratulouse pola capacidade do pleno para “aplicar o sentido común e a normalidade”, sendo “capaces de chegar a acordos e consensos para axudar aos veciños e veciñas, e para reactivar a situación económica actual”. O plan, salientou o rexedor, é “de toda a corporación: de Ciudadanos, de Ames Novo, de Contigo Podemos, do BNG, do PP e do PSdeG-PSOE; e vai destinado para toda a veciñanza amesá”. Agradeceu a todas as forzas políticas de Ames o seu traballo e o feito de antepor “o presente e o futuro do Concello de Ames a calquera ideoloxía” e “saber saber trasladar esta clara mensaxe á cidadanía de que a política serve para pactar, acordar e consensuar”.