Os conceptos subvencionables son os de viaxes culturais, actividades extraescolares, organización de encontros e xornadas e mailo de mobiliario e material didáctico
O goberno municipal acaba de aprobar a convocatoria de tres liñas de subvencións municipais. En primeiro lugar, despois de resolver os recursos presentados polas ANPAS á convocatoria de subvencións de 2015, aprobouse a liña de axudas para sufragar as actividades levadas a cabo polas ANPAS durante o exercicio 2016. Para este fin destínase un total de 20.000 euros. Poderán optar a estas subvencións as ANPAS existentes nos centros educativos de titularidade pública do Concello de Ames, legalmente constituídas, e que figuren inscritas no Rexistro Municipal de Asociacións, sempre e cando os datos da inscrición estean debidamente actualizados ao momento de solicitar a achega. Os conceptos subvencionables son os de viaxes culturais, actividades extraescolares, organización de encontros e xornadas e mailo de mobiliario e material didáctico.
Para a realización de actividades por parte das asociacións culturais no exercicio 2017 destínanse un total de 40.000 euros. Poderán optar a estas subvencións as asociacións culturais ou veciñais que realicen actividades de índole cultural existentes no Concello de Ames, legalmente constituídas, e que figuren inscritas no rexistro municipal de asociacións, sempre e cando os datos da inscrición estean debidamente actualizados ao momento de solicitar a achega. Nesta caso poderán ser subvencionadas, ata un máximo do 80% do presuposto total, as actividades de índole cultural desenvolvidas polos suxeitos indicados anteriormente, así como a adquisición de material inventariable.
Aprobouse unha contía de 29.500 euros para a promoción de festas populares durante 2017
En terceiro lugar, aprobouse unha contía de 29.500 euros para a promoción de festas populares durante 2017. A estas axudas poderán optar as asociacións culturais existentes no Concello de Ames, legalmente constituídas, e que figuren inscritas no rexistro municipal de asociacións, sempre e cando os datos da inscrición estean debidamente actualizados ao momento de solicitar a achega. Poderán ser subvencionadas, ata un máximo do 50 % o presuposto total, as actividades asociadas á celebración das festas populares desenvolvidas polos suxeitos indicados.