Apróbase a licitación do asfaltado da urbanización Peregrina, en Bertamiráns, por 71.000 euros

129

O Concello de Ames continúa coas melloras da súa rede viaria, desta volta co asfaltado das rúas Bosque e Acacias da urbanización Peregrina, perpendiculares á avenida da Peregrina ao norte do núcleo de Bertamiráns. A licitación foi aprobada en setembro pola Xunta de Goberno Local, e conta cun orzamento de 70.605,47 euros a cargo do Plan Ames Progresa 2021-2023.

Deste xeito, nas dúas rúas executarase unha nova capa de rodaxe, aplicando unha mestura de asfalto en quente ao longo de ambos treitos. No caso da rúa Bosque, empregarase o mesmo tratamento sobre os treitos de formigón xa existentes, e colocarase unha canle con reixa no acceso leste á vía. As actuacións completaranse co pintado da correspondente sinalización horizontal.

Esta actuación, recollida no Plan Ames Progresa 2021-2023, súmase á recente licitación das obras de asfaltado na urbanización Aldea Nova, na parroquia de Ortoño, cun orzamento base de 243.882,74 euros.

“Estamos traballando e mellorando en moitos núcleos, facendo que sexan lugares atractivos para vivir, e avanzando coas actuacións do Plan Ames Progresa. Nesta caso vamos a mellorar o pavimento das rúas da urbanización Peregrina”, destacou o alcalde de Ames e concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Blas García.