Arredor de 320 atletas participaron na XVI Milla Urbana Concello de Ames

41

Este domingo, 25 de setembro,celebrouse a XVI Milla Urbana con 320 participantes. Na proba na que competían as categorías sub18, sub20, sub23 e sénior, o campión e campioa foron Martín Regueira Rellán, do club Terra de Soneira CD, e Alejandra Formoso Recarey, do club Triki Team. Esta proba volveu a disputarse tras sete anos de parón na área deportiva da travesía do Porto, no Milladoiro.

A Milla Urbana é unha carreira que xa está consolidada no mundo do atletismo de Ames e da comarca. Este ano celebrouse a décimo sexta edición desta proba que segue espertando o interese de atletas pertencentes a clubs profesionais e de todas aquelas persoas que gozan facendo deporte. Os e as participantes tiveron que percorrer unha milla, é dicir, máis dun quilómetro e medio, por diferentes rúas do Milladoiro fixadas no circuíto que tivo a saída e a chegada na Travesía do Porto.

Nesta edición inscribíronse un total de 391 persoas, pero finalmente a participación caeu un pouco e tomaron a saída arredor de 320 atletas. Os atletas estiveron distribuídos en oito probas diferentes segundo a idade. A distancia que houbo que percorrer foi dunha milla nas probas Milla Máster e Milla sub18, 20, 23 e sénior. Os atletas das categorías sub, 10, 12, 14 e 16 correron un quilómetros; os prebenxamís  300 metros; e os pitufos 200 metros.

Na proba absoluta (categorías sub18, 20, 23 e sénior) proclamáronse campión e campioa Martín Regueira Rellán, do club Terra de Soneira CD, cun tempo de 4.35, e Alejandra Formoso Recarey, do club Triki Team, cun tempo de 5.54. Na categoría máster 1 gañaron Juan Pablo Fernández Rodrígues do Club Atletismo Santiago, cun tempo de 5.14, e Elena Suárez Gesto, cun tempo de 6.26.

En máster 2 impuxéronse Abel Barros González do club Atletismo +9 Moraña, cun tempo de 4.58, e María Iglesias Area, cun tempo de 6.39. Por último, na proba das categorías máster 3 e máster 4 gañaron Miguel Cabo Villaverde do Club Atletismo Milladoiro, cun tempo de 5.18, e Ángeles Rodriguez del Río do Club Atlética A Silva, cun tempo de 7.34.  

Nas probas correspondentes ás categorías sub 10, 12, 14 e 16 os/as gañadores foron os seguintes. Na categoría sub 10 gañaron Sergio Coira Pier do Marineda Atlético, cun tempo de 3.55, e Deva Pallás Rodríguez da Agrupación Viguesa de Atletismo, cun tempo de 4.17. Na proba sub 12 impuxéronse Pablo Barreiro Iglesias, do club deportivo Pinarium, cun tempo de 3.14, e Ainoa Galán Amo, do Atletismo +9 Moraña, cun tempo de 3.35.

Na categoría sub 14 gañaron Jun Sieira Gerpe do Club Atletismo Negreira, cun tempo de 3.05, e Carmen Paz Santamaría, co Club Atletismo Noia, cun tempo de 3.29. Por último, na proba da categoría sub16 o campión e campioa foron Manuel Campello Carballo, do Club Olympo As Pontes, cun tempo de 2.58, e María Estévez Vázquez, do Ames Atletismo, cun tempo de 3.21.   

Unha vez rematadas todas as probas procedeuse á entrega de trofeos. Todos os/as participantes recibiron unha camiseta de agasallo. Todos os nenos e nenas das categorías pitufo e prebenxamín recibiron unha medalla de chocolate. No resto de categorías recibiron trofeos os/as tres primeiros/as clasificados/as de cada categoría, masculinos e femininos.

A concelleira de Deportes, Susana Señorís, destacou o regreso desta proba despois de 7 anos sen organizala. “Decidimos homologar un circuíto coa Federación Galega de Atletismo para volver a celebrar a Milla Urbana e foi todo un éxito, tanto de participación como de público. Este domingo puidemos volver a gozar no Milladoiro dunha proba que xa está consolidade no mundo do atletismo de Ames e da comarca, tal e como o demostra as dezaseis edicións que se levan organizadas”.