Arrinca a programacion de outono da Aula da Natureza de Ames cunha saída ao monte por cogomelos

183

Un total de 35 persoas participaron na recollida de cogomelos coa que a Aula da Natureza abriu o pasado domingo a programación de outono. Boa parte da colleita non é comestible, pero permitiulle aos participantes ampliar coñecementos sobre os fungos. Durante o mes de novembro celebraranse máis saídas polas parroquias de Lens, Ameixenda e Agrón, ademais dunha exposición e degustación na feira Tanto Monte / Monte Tanto do sábado 4 de novembro. As saídas serán o día 5 de novembro (Lens), o 18 (Amaiexenda= e o 25 (Agrón).

Trala saída ao monte e despois dun pequeno descanso para comer, farase unha recompilación e estudo detallado das especies atopadas. Esta actividade familiar diríxese a todos os públicos. Ofértanse 40 prazas para cada saída. A inscrición está aberta e pecharase o 22 de novembro. Haberá servizo de autobús.

A seguinte actividade, unha novidade deste ano, que se recolle na programación é unha saída para recoller castañas que inclúe un magosto e unha charla – coloquio. Será o vindeiro sábado, 14 de outubro, en Piñeiro. O día comezará cunha recollida de castañas polos camiños da parroquia, e posteriormente farase un xantar no local social de Piñeiro (cada participante ten que levar a súa propia comida), un magosto e un obradoiro infantil. Para pechar a programación, impartirase ás 16:30h a charla–coloquio As castañas do meu castiñeiro. A inscrición estará aberta ata o 12 de outubro. Haberá servizo de autobús dende o Milladoiro, Bugallido e Bertamiráns.

Acampada na Aula da Natureza
Para o sábado 21 e domingo 22 de outubro está programada unha acampada para rapazada de 8 a 14 anos nas instalacións da Aula da Natureza, que tratará sobre os froitos de outono e noite de candeas. Haberá 25 prazas. Os nenos e nenas deberán levar a cea, saco de durmir, roupa cómoda e se queren unha esterilla.

Conservas de froitas e hortalizas
O sábado 11 e o domingo 12 de novembro desenvolveranse dous obradoiros de froitas e hortalizas para o aproveitamento de produtos de tempada. Os participantes aprenderán a conservar este tipo de produtos con azucres, salmoiras ou aceites. Estes obradoiro están dirixidos a persoas de 16 anos en diante. As inscricións poden realizarse ata o 8 de novembro. Haberá servizo de autobús.

III Feira Tanto Monte / Monte Tanto
Por outra banda, o Concello traballa na organización da terceira edición da feira Tanto Monte / Monte Tanto, que está prevista para o sábado 4 de novembro no campo da festa de Trasmonte. Trátase dun evento para valorizar e difundir a importancia social, ambiental, cultural e económica do monte. Haberá expositores de mel, cogomelos, aceite, embutidos, cestería, noces, castañas, froitos do bosque…

Outra das novidades na programación de outono deste ano é a organización de dúas rutas teatralizada polo rego da Andoriña, que xirarán arredor da natureza, da historia e da saúde. Serán os días 21 de outubro e 19 de novembro.