Arrinca de novo o SaudeAndo cunha andaina dende Bertamiráns

483
SaúdeAndo 2019. (Fotografía: Luisa Feijoo)

Mañá xoves, 2 de setembro, ten lugar en Bertamiráns a primeira andaina saudable despois do verán. A nova camiñada circular comeza ás 17.30h e ten saída e chegada ao centro de saúde de Bertamiráns. A actividade, ao igual que o resto de andainas encadradas dentro do programa SaúdeAndo, trátase dunha ruta de dificultade media–baixa, dunha duración aproximada de hora ou hora e media. Organizadas pola Concellaría de Sanidade de Ames e os centros de saúde de Bertamiráns e Milladoiro, estas andainas organízanse en ambas localidades en semanas alternas dende setembro ata decembro. Non é preciso inscribirse previamente.

Ao igual que en andainas anteriores, a actividade esta supervisada por Ricardo Angueira Vázquez, o monitor que impartiu o curso de iniciación de Marcha Nórdica, polo que a andaina serve para que as/os participantes continúen afianzando o aprendido nos obradoiros ou comezar a aplicar algúns trucos desta modalidade neste tipo de actividades.

A través desta actividade, a Concellaría de Sanidade ten como obxectivo a promoción da actividade física e a redución do sedentarismo entre os e as amesás de todas as idades, unha práctica entretida cunha importante repercusión na saúde. Neste senso, son numerosos os estudos que indican que a práctica regular de actividade física aporta unha ampla serie de beneficios, a longo e a curto prazo, tanto físicos como emocionais, así como dar a coñecer diferentes rutas urbanas de  dificultade baixa coa idea de que os/as participantes os coñezan, poidan facer grupo entre eles e se animen a facelos pola súa conta para poder chegar a esos 3/4 días de actividade física semanal.