Arrincan as obras do centro multifuncional do Milladoiro

208

As obras para a construción dun centro multifuncional no Milladoiro comezaron a semana pasada. Este proxecto, un dos máis importantes da EDUSI Impulsa Ames, oriéntase á mocidade, a inserción laboral e os colectivos amesáns desfavorecidos. O proxecto, tal e como sinala o Concello, supón un investimento de aproximadamente 1.300.000 €. A empresa encargada das obras é Citanias Obras y Servicios SL.

Este novo centro multifuncional de lecer, cultura e promoción económica do Milladoiro será un espazo público desenvolto atendendo a parámetros de eficiencia enerxética. Dende o Concello prometen que “funcionará como dinamizador cultural, económico e social”. Tamén albergará actividades veciñais e servirá como punto de encontro cidadán.

O centro ocupará unha parcela duns 4.700 metros cadrados na avenida Muíño Vello, con zonas verdes e de estacionamento. Por debaixo do edificio, sostido por columnas, haberá unha praza pública cuberta e protexida da chuvia para calquera época do ano.

Asegura o alcalde, Blas García, que este centro será “o gran referente do Concello de Ames” para a formación, a atención ou o lecer dos colectivos aos que se dirixe a instalación. Informou de que nas proximidades do centro haberá unha pista de skate e outra de pádel, ademais da instalación de zonas verdes “que tanta falta fan no Milladoiro”.

A superficie útil do centro será de 520 metros cadrados. Ademais de converter o lugar nun centro dinámico social e cultural da comunidade, dende o Concello lembran que toda a parcela será un gran espazo público. No interior do edificio haberá espazos versátiles para varios usos, con zona de descanso, zona de traballo e de entrevistas individuais, ademais de aseos, un almacén e ascensor. A planta alta contará cun espazo polivalente e divisible, con paredes de vidro que ofrecen unha vista en 360 graos do exterior.