No tocante aos préstamos, en 2016 houbo un total de 20.922, o que dá 2,5 préstamos por usuario
O total de persoas asociadas en 2016 é de 8.346, o que supón un 27% da poboación amesá. Nese ano, as bibliotecas municipais de Ames foron utilizadas por 41.652 persoas (26.247 no Milladoiro e 15.405 en Bertamiráns). Os datos que aparecen a continuación fan parte do balance de 2016 das bibliotecas municipais.
En 2015, as bibliotecas amesás sumaban un fondo de 28.331 documentos, aos que foron incorporados 1.157 máis en 2016. Así os datos, a media de documentos por habitante é de 0,91 documentos por habitante. No tocante aos préstamos, en 2016 houbo un total de 20.922, o que dá 2,5 préstamos por usuario.
Tanto na biblioteca do Milladoiro como na de Bertamiráns, no que a literatura infantil e xuvenil se refire, os documentos máis emprestados foron as coleccións dos Bolechas, Uxía e compañía, Gerónimo Stilton e El Diario de Greg, así como o CD de música María Fumaça. Pola súa banda, os libros máis lidos no Milladoiro foron: en galego, Boas noites, Bufo de Pat Hutchins, e en castelán, Vieja escuela de Jeff Kinney (que fai parte da colección Diario de Greg). En Bertamiráns, os gustos varían un pouco, sendo o libro máis lido en galego Loboferoz, de Patacrúa, e Harry Potter y la piedra filosofal de JK Rowling, en castelán.
A memoria da choiva, de Pedro Feijoo, sobresae como o libro máis lido en galego polos adultos, tanto na biblioteca de Milladoiro como na de Bertamiráns. En castelán, destaca La chica del tren, de Paula Hawkins na biblioteca do Milladoiro, e La víspera de casi todo, de Víctor del Árbol, en Bertamiráns.
No tocante ás actividades realizadas nas bibliotecas, participaron nese ano un total de 2.657 persoas, entre contacontos, obradoiros, visitas escolares, o club de lectura do Milladoiro…