As bibliotecas de Ames celebran abril como Mes do Libro

111

O vindeiro día 23 celébrase o Día do Libro. Nas bibliotecas de Ames, todo o mes de abril estará dedicado á lectura baixo o lema “Abril, mes do libro”. Deste modo, organizan dúas actividades: un concurso de debuxo e a campaña Superlectores, que por segundo ano consecutivo buscan recoñecer ao seu público infantil e xuvenil sorteando varios lotes de libros.

Co II Concurso de debuxo, as bibliotecas invitan a todos os rapaces e rapazas que cursan Educación Primaria ou Secundaria a realizar un debuxo cuxo tema verse sobre o Día do Libro ou a lectura en xeral. O deseño debe ir en tamaño folio e feito coa técnica que escolla o participante. Haberá tres categorías: unha de 1º a 3º de Primaria, outra de 4º e 5º, e unha tericera para a ESO. Os premios nas dúas primeiras serán un lote de libros e a impresión do debuxo nos marcapáxinas do Día da Biblioteca. O premio da terceira categoría será un lote de libros e a inclusión da obra como protagonista do cartel das actividades das bibliotecas municipais o curso que vén.

Para participar, deben presentarse os debuxos antes do día 23 de maneira presencial nas propias instalacións das bibliotecas ou por correo electrónico a biblioteca@concellodeames.gal, sinalando o nome e apelidos, unha foto e un teléfono de contacto.

Ademais, as bibliotecas poñen de novo en marcha a iniciativa Superlectores, após o éxito da edición previa. Nesta ocasión, diríxense a público adulto e infantil cunha categoría de maiores e outra de menores de 14 anos. Poderase solicitar a tarxera de Superlector nas instalacións das bibliotecas antes do 1 de outubeo. Por cada libro prestado na biblioteca, irán recibindo un novo selo. Cando se encha a tarxeta participarán no sorteo dun lote de libros. Haberá 14 premios entre ambas as categorías.