As bibliotecas municipais de Ames adoptan o sistema de xestión KOHA

535

As bibliotecas municipais de Ames permanecerán pechadas ata o vindeiro luns, 2 de outubro; ao longo desta semana, só estarán operativas as aulas de estudo

Un novo sistema de xestión bibliotecaria está a ser instalado nas bibliotecas municipais de Ames. É o KOHA, un novo programa que será común a toda a Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia. A instalación do novo sistema permitirá, entre outras cousas, a creación dun catálogo único e a unificación dos carnés de socias e socios, que comezarán a ser válidos en toda a Rede.

Esta mañá, o concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, visitou a biblioteca do Milladoiro para acompañar as labores de actualización do inventario, que se están a realizar tanto na biblioteca do Milladoiro como na de Bertamiráns. As bibliotecas municipais de Ames permanecerán pechadas ata o vindeiro luns, 2 de outubro; ao longo desta semana, só estarán operativas as aulas de estudo.

As traballadoras e traballadores das bibliotecas municipais de Ames están xa a formarse na xestión e emprego do novo sistema. Asemade, tamén están aproveitando estes días, de peche das bibliotecas, para realizar o inventario. O Concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, achegouse hoxe ata a biblioteca do Milladoiro para acompañar estas labores de inventario. Santomil valorou positivamente a adaptación ao KOHA: “Tras o proceso de migración de datos de rexistros e de lectores ao novo programa, xa poderemos comezar a funcionar con el, o que repercutirá no beneficio de todas e todos, tanto no das socias e socios, como no das traballadoras e traballadores das bibliotecas municipais de Ames”.