Un total de 11 actuacións de grupos municipais en festas patronais de Ames recibiron financiamento do Concello, por un total de 4.920 euros. Nun verán onde devagar e timidamente se foron recuperando as festas, a Administración loal colaborou con 8 comisións e asociacións para subvencionar estes eventos en festas, celebracións ou romarías.
Durante esta primavera e verán foron cinco os grupos que actuaron con esta axuda. Foron o grupo tradicional Airiños do paseo de Colón, o grupo de música de baile tradicional Os Retranqueiros, o grupo de pandereteiras As Maianas, a Coral Lojo Batalla e o grupo de baile tradicional Terras de Ames. As actuacións producíronse durante as festas do maio, da Nosa Señora, a de agosto na Ameixenda, as patronais de Santo Tomé de Ames, as patronais de Tapia, a da Virxe de Lourdes, as da Filomena, as da Peregrina e mais na feira de artesanía de Bertamiráns. Chegaron, pois, a case a metade das parroquias do concello: Biduído, A Ameixenda, Ames, Tapia e Ortoño.
A Concellaría da Cultura quere con esta colaboración recuperar paulatinamente as festas tradicionais e ao mesmo tempo brindarlle aos grupos municipais a oportunidade de actuar e amosar o aprendido ao longo do ano. Lémbranlle igualmente á veciñanza que entre os meses de setembro e outubro os grupos municipais abren as súas portas na procura de novas inscricións.