As comisións informativas preparan os temas para o próximo pleno ordinario

O Concello de Ames celebrou o pasado venres, 23 de xuño, as comisións informativas previas ao pleno ordinario de xuño.

395

O goberno municipal está traballando para crear unha agrupación de voluntarios/as de protección civil

O Concello de Ames celebrou o pasado venres, 23 de xuño, as comisións informativas previas ao pleno ordinario de xuño. Nestas comisións informativas abordouse a creación da agrupación de voluntarios/as de protección civil e a aprobación inicial do seu regulamento. Outros temas abordados foron a aceptación do cambio de titularidade da estrada da parroquia de Agrón, que une os lugares de Piñor e A Ponte Nova, para que pase a ser de titularidade municipal; a terceira modificación puntual da RPT; a revisión de prezos para o exercicio de 2017 do contrato con Urbaser; e mailo convenio de colaboración para a xestión do programa Área de Santiago. Asemade, tratáronse seis propostas presentadas por Ames Novo, Pacto por Ames e polo concelleiro non adscrito, Javier López.

O goberno municipal está traballando para crear unha agrupación de voluntarios/as de protección civil. O Concello de Ames ao pasar dos 20.000 habitantes está obrigado por lei a dispor deste servizo, polo que dende este goberno municipal existe un interese real e a vontade necesaria para traballar nesta dirección e cumprir coa legalidade. Para avanzar neste eido, nas comisións informativas previas ao pleno ordinario do mes de xuño abordouse a creación de dita agrupación e maila aprobación inicial do seu regulamento.

Ademais, abordouse a revisión de prezos para o exercicio de 2017 do contrato con Urbaser. O coeficiente de actualización proposto para este período de revisión é de 1,1472 polo que o prezo do contrato pasaría a ser no ano 2017 de 644.095,08 euros. A actualización, no caso de ser aprobada en pleno, tería efectos dende o 1 de xaneiro de 2017.

A proposta de Ames Novo é para a derogación do R.D. 16/2012, de 20 de abril, de medidas urxentes para garantir a substentabilidade do sistema nacional de saúde e mellorar a calidade e seguridade das súas prestacións

Asemade, tratáronse seis propostas presentadas por Ames Novo, Pacto por Ames e polo concelleiro non adscrito, Javier López. A proposta de Ames Novo é para a derogación do R.D. 16/2012, de 20 de abril, de medidas urxentes para garantir a substentabilidade do sistema nacional de saúde e mellorar a calidade e seguridade das súas prestacións. En dita proposta ínstase á Xunta de Galicia a non aplicar no territorio galego este Real Decreto por medio da posta en marcha dos instrumentos normativos axeitados.

O concelleiro non adscrito, Javier López, presentou unha proposta para solicitarlle á Comisión Permanente do Concello Xeral do Poder Xudicial, que acorde deixar sen efecto a decisión de dita comisión do 25 de maio de 2017, xa que causa prexuízo aos cidadáns e dificulta o acceso á xustiza, contravindo o artigo 24 da Constitución Española, e o dereito á tutela xudicial efectiva. Asemade, tamén recolle comunicar o resultado desta moción á Comisión Permanente do Concello Xeral do Poder Xudicial e a Deputación da Coruña para que se aprobe dita moción nos plenos do resto de municipios.

Dende o grupo municipal de Pacto por Ames presentaron tres mocións

Dende o grupo municipal de Pacto por Ames presentaron tres mocións. A primeira trata sobre o acondicionamento xeral da zona de Cantalarrana, Carballido e arredores. Para iso solicítase que se contemple a posibilidade de destinar unha partida específica do Orzamento de 2017 para este fin, así como manter unha xuntanza cos veciños/as que residen nesta zona para fixar as principais actuacións que son necesarias realizar e facer unha análise urbanística para lograr a mellor forma de desenvolvemento priorizando o beneficio da veciñanza.

A segunda proposta aborda a habilitación dunha liña de subvencións para deportistas de elite, individuais ou con alta proxección nacional e/ou internacional, encamiñadas a impedir que por falta de axudas económicas, deixen de participar en eventos nacionais ou internacionais, sempre que leven empadroados en Ames polo menos un ano. Ademais, desa liña de axudas solicítase que se reserve unha parte para os deportistas con distinta capacitación e/ou mobilidade reducida.

A terceira e última proposta recolle a creación dunha tarxeta cidadá única para o acceso aos servizos públicos existentes e que serva como medio de identificación (xunto ao DNI). Ademais, solicítase nesta proposta a posta en marcha dunha campaña de empadroamento na que se poña en valor as vantaxes de estar censado en Ames, e unha vez posta en marcha dita tarxeta, incrementar outras funcionalidade como servizo de acceso a bibliotecas, bonificacións, acceso ás instalacións deportivas, etc.