1500€ por alumno contratado entre os que finalizan o obradoiro de emprego

423

Os alcaldeS de Ames e Brión, Xosé Miñones e Pablo Lago, a concelleira de Promoción Económica, Ana Paz e os axentes de Desenvolvemento Local de ámbolos dous concellos comprobaron sobre o terreo as vantaxes enerxéticas que obteñen varias instalacións municipais de ámbolos dous concellos despois das obras realizadas a través deste obradoiro. As instalacións deportivas do campo de fútbol de Bertamiráns, onde se instalaron paneis de produción eléctrica para auto abastecemento dos vestiarios, o pavillón polideportivo de Bertamiráns, ao que se lle dotou de paneis fotovoltaicos para a produción de auga quente e sanitaria, o pavillón de deportes de Brión ao que as obras permitirán un mellor nivel de auto abastecemento eléctrico, ademais do propio Centro de Formación de Aldea Nova, onde tamén se instalaron paneis para consumo eléctrico propio, foron os obxectivos da visita. 

Malia a parada obrigada dos meses de confinamento, o alumnado-traballador do obradoiro de Emprego RenoAmes-Brión III rematará o vindeiro 18 de novembro con todas as obras previstas no proxecto inicial concluídas coas adaptacións e recolocacións que xurdiron durante os meses que durou o proxecto. Nesta ocasión a formación e a práctica consistiu na Montaxe e mantemento de instalacións fotovoltaicas (ENAE 0108 de nivel 2) e os alumnos/as – traballadores/as fixeron actuacións na Escola Infantil de Brión, nos campos de fútbol de Bertamiráns e do Milladoiro, nos pavillóns polideportivos de Bertamiráns de de Brión, na Casa a Cultura de Milladoiro e no propio Centro de Formación de Aldea Nova onde se imparten este e outros cursos de formación ocupacional. 

O obradoiro que tiña unha duración inicial prevista de 9 meses. Malia que durante o período do confinamento os alumnos/as traballadores/as recibiron apoio e seguimento on line, unha vez recuperada a asistencia presencial, alongouse a data de finalización do obradoiro. Participaron 20 alumnos/as traballadores/as (15 de Ames e 5 de Brión) e un equipo de 5 persoas encargouse da formación e xestión do proxecto. Nesta ocasión, a formación centrouse no sector da enerxía fotovoltaica. As prácticas dirixíronse cara á instalación e mantemento de equipamentos solares fotovoltaicos en edificios municipais de Ames e de Brión.

Subvencións para as empresas que contranten alumnos/as do Renova Ames-Brión III
O obradoiro Renova Ames-Brión III ten como obxecto a cualificación e inserción profesional de persoas desempregadas. Os/as participantes rematan coa obtención do título de “Montaxe e mantemento de instalacións fotovoltaicas” o que, neste caso, os/as cualifica para traballar en calquera empresa relacionada co sector da enerxía fotovoltaica.

Cómpre salientar que o pasado 21 de outubro, o concello de Ames co financiamento da Xunta de Galicia a través da consellaría de Emprego e Igualdade ditou unha orde pola que calquera empresa que contrate a algún dos alumnos/as traballadores/as deste obradoiro Renova Ames-Brión III por un período mínimo de tres meses, obterá unha subvención de 1.500 euros.

O obradoiro está co-financiado pola consellería de Emprego de Igualdade, e promovido polo Concello de Ames en colaboración co Concello de Brión.