O Concello de Ames presentou esta mañá a programación da Escolas deportivas para este curso. Este ano, a formación deportiva inclúe catorce actividades, e “Ponte en forma” conta con outras sete. A preinscrición atópase aberta ata o domingo 17 a través da plataforma Cronos. A programación, variada e para todas as idades, estenderase entre o 2 de outubro e o 15 de xuño.
Este curso as Escolas deportivas contan na categoría de formación deportiva con ballet, baloncesto, fútbol sala feminino, fútbol sala mixto, judo, natación, patinaxe, predeporte, squash, tenis, voleibol, xadrez e ximnasia rítmica. Como novidade, e por petición da veciñanza, engádese tamén por primeiro ano unha nova actividade: baile moderno. Os maiores de 14 anos poderán inscribirse nas actividades do programa “Ponte en Forma”, que inclúe adestramento funcional; aerozumba; ioga; GAP (hipopresivos) – Aerocombat; pilates; spinning, abdominais e glúteos; e ximnasia de mantemento.
As tarifas para o curso completo son de 48 euros para os maiores de 18 anos e de 32 euros para os menores de 18 anos. No caso do segundo membro da unidade familiar serían 16 euros e no dun terceiro membro e seguintes de 8 euros.
A concelleira de Deportes e Promoción da Saúde de Ames, Susana Señorís, e o técnico do departamento, Alberto Viaño, foron os encargados da presentación esta mañá na Casa do Concello. Señorís destacou que “é un programa que funciona moi ben e contamos con máis de 1.700 usuarios nas distintas actividades que se ofertan”. O técnico municipal de Deportes, Alberto Viaño, lembrou que “cada persoa pode preinscribirse nunha actividade e posteriormente iniciado o curso pódese acceder a unha segunda actividade se existen prazas libres”.