As luces de Nadal acenderanse o sábado 28

430
Acendido das luces en 2019. Fotografía de Isa González.

O Nadal pechará un 2020 en permanente estado de excepción. Coa previsible restrición das xuntanzas familiares e a anulación de actos como as cabalgatas de Reis, un dos poucos elementos tradicionais que volverán nesta ocasión son as luces. Cun encendido máis discreto, cun acto sinxelo o vindeiro sábado co que o Concello apoiará ao comercio local e ás familias. Tamén se manterán actividades básicas do Nadal que teñen como finalidade animar á cidadanía e  promover as compras no comercio local.

Ao acendido das luces na casa consistorial, súmase a colocación dunha árbore de 15 metros na praza de Manuel Murguía do Milladoiro,  unha bola xigante na praza da Madalena, tamén no Milladoiro, as cifras 2021 na praza da Maía de Bertamiráns, e un fotocall na praza do Concello. Todos estes elementos decorativos servirán como base para o concurso “Ilumina o teu sorriso”, que organizan as asociacións de comerciantes en colaboración co Concello. Este ano outorgararase un premio máis que o pasado. Manterase tamén o tradicional “Concurso de escaparates” do concello e está previsto que a concellaría de Promoción Económica poña en marcha un servizo de conciliación para facilitar as compras das familias no comercio local.

“Hoxe máis que nunca é preciso que haxa algo de alegría nas rúas, que as familias non esquezan que a pesar de todo é Nadal”, manifesta a concelleira de Promoción Económica Ana Paz, quen tamén ten palabras para os comerciantes de Ames: “Estas luces tamén son para eles, para que a todas e a todos  nos axuden a saír á rúa e mercar todos os agasallos e todo o que precisamos para pasar o Nadal nos nosos establecementos”.

A campaña “En Ames témolo todo” tamén se intensificará durante as datas natalicias.