As mocidades do PSOE reclaman que a Xunta resolva as carencias do transporte metropolitano entre Ames e Santiago

166

As Xuventudes Socialistas de Ames veñen de reclamar melloras nas conexións interurbanas recollendo, aseguran, o sentir da poboación ante “os problemas continuos no transporte metropolitano”. O secretario xeral da formación xuvenil, Antón Rivas, denunciou que o problema “non é puntual nin exclusivo dun único municipio”. Neste sentido, coida que “amosa o abandono da Xunta de Galicia” á hora de ofrecer “un servizo de transporte público de calidade”.

Os mozos socialistas denuncian que “a falta de frecuencias nas liñas que conectan Ames con Santiago de Compostela, especialmente nas horas principais da mañá”, deixan “en terra decenas de persoas cada día da semana”. Algo que afecta especialmente á mocidade que precisa desprazarse por estudos a Santiago, denuncia o alcalde de Ames, Blas García, que tamén ve prexudicadas aquelas persoas “que se desprazan á capital para acudir aos seus postos de traballo”. “Entendemos que é inadmisible que, día tras día, estudantes e traballadores teñan que ir á parada de autobús sen saber se realmente poderán chegar á universidade ou aos seus postos de traballo a tempo debido a que non hai prazas suficientes nos autobuses”, engade Antón Rivas.

Os socialistas consideran que a situación desincentiva o uso do transporte público, algo incompatible cos obxectivos dunha mobilidade sostible. “Debemos ter en conta non só a quen usa o transporte público, senón a quen quere usalo pero non pode facelo na actualidade”, explican dende o PSOE.

As xuventudes socialistas reclaman que a Xunta, dirixida polo PP, solucione os problemas de horarios, frecuencias e prazas dispoñibles nos autobuses, e anuncian mobilizacións e reclamacións mentres isto non se cumpra.