As mozas e mozos de Ames, parlamentarios por un día

68

Nenas e nenos do Consello sectorial de Ames participaron hoxe, canda representantes doutros consellos locais de infancia e adolescencia, no foro infantil organizado polo Parlamento de Galicia en colaboración con Unicef. A xornada centrouse na saúde mental e na non discriminación de nenas e nenos.

En representación do Consello sectorial de Ames a voceira foi Xiana Pousa Pazos. Xunto a Xiana sentaron no escanos do Parlamento de Galicia: Candela Penedo Hermo, Antón Oliveira Varela, Luana Hermida Rial, Eva Sotelo Lorenzo e Lara Fernández Portela, mentres que de público asistiron Alicia Torres Rodeiro, Jimena Meizoso Tourís, Mateo García Maceira, A. Darío Iglesias Rodríguez, Helena Guillén Gil e Nerea Brión Arufe. Con eles acudiron a concelleira de Benestar Social, Luísa Feijóo, e mais o técnico da Oficina de Voluntariado de Ames, Rubén Ramos.

Propostas das nenas e nenos de Ames
A voceira do Consello sectorial de Ames, Xiana Pousa Pazos, foi a encargada de poñer voz ás propostas do Consello. Entre elas estivo o non consumo de substancias tóxicas, e que se amose a diversidade de corpos e persoa na cartelaría para conseguir unha sociedade máis respectuosa coa diversidade. Na mesma liña, pediron coidar os modelos de comportamento que faltan ao respecto ás persoas, e que entenden que poden reproducirse dende os medios de comunicación. Por último, pediron espazos para socializar e organizarse como mozas e mozos, e acceso aos servizos de coidado da saúde mental.

A presidenta de Unicef Comité Galicia, Myriam Garabito, destacou da intervención de Xiana a mención que fixo ás palabras respecto, igualdade e educación para que se puidesen converter nunha realidade.

A concelleira de Benestar Social, Luísa Feijóo, destacou “a calidade e a claridade das propostas formuladas polos voceiros e voceiras dos Consellos representados”.

O Foro de participación infantil enmárcase na conmemoración do Día Mundial da Infancia.