As parroquias de Bugallido, Ortoño e Biduído únense para celebrar o cabodano do P2

433


O vindeiro xoves 23 de decembro cúmprese un ano da eliminación do autobús que unía as parroquias de Ortoño, Bugallido e Biduído con Santiago de Compostela. A veciñanza afectada vaise concentrar ás 17:30 horas do xoves 23 deste mes no cruce da Farmacia de Bugallido para celebrar este cabodano. Dende alí partirán en procesión ata o Campo da festa de Bugallido onde terá lugar un responso. Os veciños e veciñas queren, deste xeito, reclamar a reposición da liña urbana ou unha alternativa que satisfaga á veciñanza afectada.

Dende as asociacións veciñais das mencionadas parroquias buscan, con esta parodia dunha celebración relixiosa, denunciar o abandono que están a sofrer. Dende a Asociación de Veciños de Bugallido, indican: “O P2 ou autobús de Ortoño morreu o 23 de decembro de 2021. Morreu novo, con só 50 anos”. “Faleceu en plena pandemia pero non a causa dela”, continúan. Seguindo esta mesma liña contan que “o finado unía ás parroquias de Ortoño, Bugallido e Biduído coa capital compostelá e coa súa morte os veciños e veciñas quedaron sen servizo. Por iso, un ano despois, a veciñanza das parroquias afectadas segue consternada polo pasamento do P2 e únese para celebrar o seu cabodano e rezar unha oración pola súa alma”.

A orixinal protesta realizarase coa veciñanza das parroquias ataviada completamente de negro, con candeas e portando a imaxe do “finado” cun crespón negro, e partirán en procesión cara o Campo da Festa, onde orarán “pola súa resurrección”. A acción reivindicativa ten como obxectivo que se lle dea resposta ás necesidades de mobilidade dos veciños das tres parroquias afectadas pola supresión do servizo que os unía con Santiago de Compostela dende 1971.

A parroquia de Ortoño, con máis de 11.000 habitantes, a de Biduído, con máis de 15.000, e a de Bugallido, con mías de 1.600, son tres das máis poboadas do Concello de Ames. Con todo, nin a alta porcentaxe de afectados, nin o tempo transcorrido, nin as medidas levadas a cabo foron suficientes para acadar a reposición do P2 ou unha alternativa que facilite a comunicación en transporte público para os veciños e veciñas, segundo denuncia a asociación veciñal. Primeiramente, contan, “a veciñanza puxo todas as súas esperanzas nun convenio entre os Concellos de Ames e Santiago para resucitar ao P2”, pero a firma do mesmo “nunca chegou”. Despois, “confiou en que o desvío e a ampliación da liña que vai de Extramundi de Arriba a Santiago de Compostela substituíse ao finado pero esta non se materializou”, e agora “autorízannos unha SIMU de sobra insuficiente”. Así as cousas, “só nos queda botar man da nosa fé e orar pola resurrección do P2”, conclúen.